Os fondos propios de Begasa medraron nos últimos cinco anos uns 74 millóns de euros
Begasa celebrou este venres a súa xunta xeral de accionistas, na que o seu presidente, Miguel Antoñanzas, destacou a estrutura financeira “sólida” da compañía e unha débeda “sostible”, froito, segundo dixo, do crecemento “ininterrompido” dos fondos propios durante os últimos cinco anos en 74 millóns de euros e da redución da débeda en 18 millóns, ata alcanzar a cifra actual de 23 millóns.
Na xunta xeral, celebrada en Lugo, Begasa, empresa participada nun 54,95% por Viesgo e nun 44,94% por Gas Natural Fenosa, aprobou o informe de resultados correspondente ao exercicio 2014.
Durante o pasado ano, segundo destaca a empresa nun comunicado, Begasa “deu continuidade ao seu esforzo para mellorar a subministración eléctrica e o servizo que presta na provincia de Lugo, investindo 12,5 millóns neste concepto”.
En total, a compañía acumula un investimento de máis de 93 millóns nos últimos cinco anos, “orientada a encher as expectativas dos seus preto de 168.000 clientes”.
Antoñanzas destacou a aposta da compañía pola inversión en melloras para “a profunda transformación da súa infraestrutura de distribución co obxectivo de incrementar a solidez e operatividade dos seus 8.500 quilómetros de rede en Galicia”.
MELLORA NA CALIDADE DE SUBMINISTRACIÓN
Como resultado desa inversión “constante” en mellorar o seu servizo, Antoñanzas anunciou que Begasa segue mellorando os seus índices de calidade de subministración.
Se entre maio de 2013 e maio de 2014 o TIEPI (Unidade de Medida para a Calidade da Subministración Eléctrica) foi de 71 minutos, no período de doce meses transcorrido ata maio de 2015 se situou en 63, o cal supón unha mellora do 11%, situándose no segundo mellor resultado dos últimos 10 anos.
Begasa resalta, ademais, que esta mellora se produciu malia os fortes temporais de vento de finais de 2014 e aos de vento e neve que se sucederon durante o primeiro trimestre de 2015.
PROXECTOS DESTACADOS EN 2014
Os 12,5 millóns investidos o ano pasado por Begasa para mellorar o seu servizo en beneficio dos seus clientes permitiu o desenvolvemento de varios proxectos.
Entre estes, a empresa chama a atención sobre a construción da subestación de Ludrio, “clave para mellorar a integración da enerxía renovable procedente dos parques eólicos da zona e a conexión do centro da provincia de Lugo á rede de 400 quilovoltios, que achegará seguridade de subministración a toda a zona”.
Na súa intervención, Miguel Antoñanzas destacou que Begasa destinou así mesmo 4 millóns de euros á construción de dous novos centros de traballo e de atención a usuarios no Parque Empresarial das Gándaras, en Lugo, e no Parque Industrial de Foz, na Mariña.
Entre os dous suman 2.800 metros cadrados e responden a un concepto de edificio intelixente, con certificación enerxética como edificios clase A, que favorece aforros enerxéticos de ata un 38%.
En paralelo a eses investimentos, en 2014 Begasa levou a cabo nun tempo “marca” o proceso de reemplazo de contadores convencionais polos denominados intelixentes, que xa completou nun 97,4% fronte á media nacional do 43%, anticipándose á obrigatoriedade do regulador de substituilos todos antes de 2018.
“A instalación dos novos contadores permitirá aos lucenses beneficiarse das tarifas eléctricas máis vantaxosas e lograr un maior aforro mediante o axuste da potencia contratada ao consumo real, así como un maior coñecemento dos hábitos de consumo”, subliña.
PRIMEIRA XUNTA PARA VIESGO
A de 2015 foi a primeira xunta coa participación de Viesgo, a nova denominación de E.ON España. Nesta nova etapa, a compañía presidida por Miguel Antoñanzas non só cambiou de denominación e de logotipo, senón que conta con catro novos valores en torno aos cales orientar a súa actividade.
Por un lado, sinala que Viesgo rexe a súa actividade diaria polos máis altos estándares de excelencia, “como única vía para alcanzar a maior eficiencia posible e garantir o mellor resultado para todos os seus grupos de interese”.
Por outro, aposta polo liderado, e polo tanto por converterse nun referente no seu sector mediante o traballo en equipo, a proactividade e a profesionalidade dos seus máis de 1.000 traballadores.
“A innovación é outro dos seus valores irrenunciables, como vector para a mellora continua nun sector do que se demanda cada vez máis eficiencia, pero tamén unha actividade sostible”, apunta. E, por último, a compañía apela á responsabilidade, “fiel ao seu compromiso coas persoas, e, polo tanto, coa seguridade, o medio e a acción social”.
Viesgo distribúe electricidade a través dunha infraestrutura de 33.000 quilómetros de rede e comercializa gas e electricidade a máis de 650.000 clientes.











