publicidade hoxe

Os Encontros coa Arte de Brión cumpren 10 anos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBrión
A-
A+

Os Encontros coa Arte de Brión celebran este ano a súa décima edición. Unhas xornadas de creación e convivencia artística que, coa inspiración das paisaxes brionesas e coa lembranza dunha figura das nosas letras, reúnen cada ano en Brión a prestixiosos artistas plásticos procedentes de toda España. Este ano serán un total de 28 artistas, que se reunirán en Brión do 19 ao 21 de xuño.

Este ano, o escritor homenaxeado vai ser o poeta e académico galego Manuel María, un autor comprometido política e socialmente coa cultura galega. O seu legado estará presente durante os encontros en diversas actividades, entra as que destaca a exposición “Manuel María, a palabra viva”. Unha mostra cedida pola “Fundación Manuel María de Estudos Galegos” que poderá visitarse no Centro Social Polivalente dende o 20 de xuño ata o 26 de xullo .

Ademais, na tarde do 19 de xuño os veciños e veciñas de Brión poderán asistir ao concerto gratuíto “A lúa prendeu a luz”, a cargo do grupo Puntadas sen fío, conformado pola vocalista Xiana Lastra, o saxofonista Roberto Rama e o percusionista Juan Collazo. A cita é ás 20:30 horas no salón de actos do Centro Social Polivalente. A entrada é libre ata completar aforo. 

Programación

Os 28 pintores que participarán nos X Encontros coa Arte son: Alba Roqueta, Antón Sobral, Beatriz Ansede, Carmen Hermo, Carmen Pernas, Chelo Rodríguez, Enrique Ochotorena, Francisco Escudero, Frutos Casado de Lucas, Jaime Galdeano, Jano Muñoz, José Antonio Regidor, José Calarzo, José María Ysmer, Laureano Vidal, Luís Romero, Maica Alonso, Manuel Méndez, María Manuela, María Xesús Díaz, Paco Casal, Rafael Arroyo, Ricardo de Arce, Ricardo Rilo, Veiras Manteiga, Víctor Casas, Xosé Vázquez Castro e Xosé Vizoso.

A comitiva chegará a Brión ás 13:30 horas do venres 19 de xuño, onde será recibida polo alcalde José Luís García. Os artistas comezarán co seu primeiro obradoiro de pintura do natural ás 16:00 horas na entorna de Fonteparedes, na parroquia de Ons. Alí traballarán nos seus lenzos ata as 19:00 horas nunha oportunidade aberta a toda a cidadanía para gozar en vivo do proceso creativo e artístico que conduce á realización dunha obra de arte. 

Despois do concerto “A lúa prendeu a luz”, a comitiva trasladarase á sala de exposicións municipal de Brión para inaugurar a mostra das obras doadas polos artistas participantes no VIII Encontro coa Arte “Lembrando a Roberto Vidal Bolaño”, celebrado en xuño de 2013. Calcúlase que será a iso das 21.30 horas 

O sábado 20 e o domingo 21, os artistas retomarán os seráns de pintura ao aire libre abertos a todos os veciños. O primeiro día poderemos atopalos na entorna da Igrexa parroquial de Santa María de Viceso, de 10:00 a 13:30 horas. O domingo, no mesmo horario, ficarán pintando no Paseo do Río Pego. 

Paralelamente ás xornadas, a sala de exposicións municipal da Casa da Cultura acollerá un “Mercado da Arte”, que estará aberto o sábado de 10:00 a 14:00 horas e de 16:30 a 21:30 horas. O domingo volverá abrir de 10:00 a 14:00 horas.

17 de xuño de 2015 | 19:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.