Os aspirantes a exercer de socorristas en Cangas realizan a proba práctica en Rodeira

Proba práctica dos aspirantes a socorristas
Esta mañá os 25 seleccionados para acceder a unha das 15 prazas de socorrista acudiron á praia de Rodeira para realizar a proba práctica. A selección dos socorristas fíxose mediante unha proba de oposición que consta de dúas partes. A proba teórica, xa realizada, consistiu nun test de 25 preguntas sobre o temario. Esta estaba valorada nun máximo de 50 puntos, sendo o mínimo para superala 25. Esta proba foi superada por 25 persoas que foron automaticamente convocadas para realizar a proba práctica que se levou a cabo esta mañá.
Dos 25 aspirantes seleccionados para a proba, acudiron a Rodeira un total de 23 persoas. A proba consistía en realizar unha careira de 200 metros pola area, entrar no mar e recoller un boneco de rescate acuático, cun peso de 80 kg, e remolcalo á beira empregando a técnica adecuada e sacalo da auga ata o punto indicado polo tribunal. Os resultados das probas estarán dispoñibles o venres. A previsión é que o día 1 de xullo os 15 seleccionados comecen a desempeñar o traballo.
Probas para os postos de patrón
Por outra banda, mañá venres, ás 10:30 horas, están convocados á proba práctica os candidatos aos tres postos de patrón, e terá lugar nos peiraos do Porto Deportivo. Para esta proba están convocados 8 aspirantes para un total de 3 prazas. A proba consistirá no manexo da embarcación, proba de atraque e desatraque, e entrada e saída en praia e en porto.











