publicidade hoxe

Os alumnos da Escola de Canteiros de Pontevedra expoñen no Casal de Ferreirós

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPoioPontevedra
A-
A+

O Casal de Ferreirós, en Poio, converterase no obradoiro temporal dos máis de 50 alumnos da Escola de Canteiros de Pontevedra e servirá para poñer o broche de ouro ó seu traballo durante o curso 2014-2015. As salas da antiga casa señorial de Poio albergarán unha mostra das obras realizadas este ano polos novos canteiros.

A exposición consta de 23 esculturas en escaiola, case todas policromadas para evitar que o seu peso e dimensións afecte o interior do histórico inmoble, e 14 pezas de granito, que levarán o traballo artesanal do cicel ás zonas máis accesibles do Casal, coma as escaleiras e o exterior do inmoble. A figura dun ferreiro co seu fol será a que abra a exposición na entrada.

A exposición inaugurarase este sábado 20 de xuño, ás 12:00 horas, e permanecerá aberta ó público ata o domingo 28 de xuño.

Aberto o prazo de inscrición

A Escola de Canteiros da Deputación ten aberto o prazo de preinscrición nas titulacións ofertadas para o vindeiro curso 2014-2015.

No centro poden cursarse as titulacións oficiais de canteiro e mestre canteiro; tamén se ofrece a posibilidade de obter unha formación específica en pedra (cantería, modelaxe, escultura, debuxo técnico, debuxo artístico, historia da arte ou construción).

As persoas interesadas en cursar estudos na Escola de Canteiros dispoñen ata o vindeiro 31 de xullo para presentar as súas solicitudes a través do Rexistro da Deputación.

O prazo de preinscrición ampliarase ata o 31 de agosto, pero só para a modalidade en liña a través da páxina web da escola.

Máis de mil canteiros formados na escola

Desde a súa creación a Escola de Canteiros de Pontevedra consolidouse como un centro único en España na formación de profesionais, os cales dan continuidade a un oficio que parecía chamado a desaparecer. Máis de mil canteiros e mestres da pedra estudaron no centro pontevedrés desde 1979. Na actualidade uns 300 estudantes formados desde 2011 traballan de canteiros nos máis de cen obradoiros profesionais repartidos por toda Galicia.

Máis de medio cento de bens e inmobles do patrimonio cultural e arquitectónico recuperáronse co traballo dos alumnos do centro; esculturas, restauracións, bustos e peañas, así como diversas construcións arquitectónicas están espalladas por toda a xeografía galega e teñen o seu maior expoñente na provincia de Pontevedra.

18 de xuño de 2015 | 18:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.