Os alumnos da Escola CasaHamlet presentan no Teatro Colón ‘Finxindo Perversidade’

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Coruña
A-
A+

O Teatro Colón continúa a súa liña de apoio ás artes escénicas afeccionadas consciente da importante labor que realizan as escolas de teatro e danza, tanto dende o punto de vista da creación de profesionais como da creación de público. Por iso de aquí a finais de xullo hai programadas oito funcións de teatro e danza afeccionados. A primeira delas será este martes 16 coa actuación dos alumnos da Escola CasaHamlet.

O grupo de alumnos adultos da Escola CasaHamlet presentará ‘Finxindo Perversidade’, unha montaxe na que revisan os textos que traballaron durante o curso e que ofrece unha panorámica sobre a historia do teatro. Baixo a dirección de Santiago Fernández abordaran textos clave da literatura dramática, tocando autores como Shakespeare, Lorca, Benedetti, T. Bernard, B. Brecht ou os galegos Álvaro Cunqueiro e Manuel Lourenzo.

A escola de danza Druída tamén presentará no Teatro Colón o seu traballo de fin de curso o xoves 25 de xuño ás 20:30 horas. Trátase dunha versión contemporánea do clásico conto La Cenicienta na que participan alumnos da escola de entre 4 e 18 anos.

Ciclo de Teatro Candilejas Don Bosco

O teatro afeccionado será tamén o protagonista durante o mes de xullo. Durante os oito primeiros mércores e xoves do mes presentaranse outras tantas propostas vinculadas ao Ciclo de Teatro Candilejas Don Bosco.

Esta mostra ábrese o mércores 1 de xullo coa obra de teatro ‘Ubuntu, eu son porque nós somos’ do grupo de teatro Salesianos. Participaran tamén os grupos de teatro do Candilejas Don Bosco, do Liceo La Paz, da Asociación Melandrainas, o grupo Fas-que-Fas vinculado á Fundación Wenceslao Fernández Flórez e o grupo de teatro Tanxedoira.

As entradas pódense adquirir a través da páxina web do teatro www.teatrocolon.es, en www.ataquilla.com. No quiosco da Praza de Ourense, en horario de luns a venres de 9.30 a 13.00 e de 16.30 a 19.30 e tamén na Sede AFundación A Coruña, no Cantón Grande 21/23, de luns a sábado de 9.00 a 21.00 horas. Ademais no despacho de billetes do propio teatro o mesmo día do espectáculo de 12.00 a 14.00 e de 17.00 a peche. 

12 de xuño de 2015 | 17:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.