Os acusados de ameazar mulleres con vodú para prostituilas son condenados a penas de entre 6 meses e 8 anos de cárcere
A Sección Cuarta da Audiencia de Pontevedra resolveu este mediante un acordo de conformidade o xuízo contra sete persoas acusadas dos delitos de inmigración clandestina, prostitución, pertenza a grupo criminal, trata de seres humanos e branqueo de capitais. Todos formaban parte dunha rede que ameazaba mulleres con vodú para explotalas sexualmente.
Aínda que estaba previsto que o xuízo durase cinco días, finalmente a causa resolveuse nunha soa xornada en virtude do acordo alcanzado entre os avogados das defensas e a Fiscalía polo que todos saíron condenados e as súas dúas vítimas, dúas mulleres cualificadas como testemuñas protexidas, recibirán unha indemnización.
Os sete confesáronse autores dos feitos e aceptaron as penas solicitadas pola Fiscalía, que van dende os seis meses de prisión dos dous encargados de clubs de alterne que facían a vista gorda coa situación irregular de mulleres que exercían a prostitución, aos oito anos de cárcere dunha muller de orixe nixeriana que favorecía que os os seus compatriotas se trasladasen a España irregularmente para prostituirse.
Tan só unha das procesadas chegou ao xuízo en situación de prisión provisional, a muller que foi condenada a oito anos. Os outros estiveron encarcerados ata superar o tempo máximo de estanza en prisión.
Tras a condena aceptada, dous deles deberán regresar, dous homes, un condenado a seis anos e tres meses por prostitución, inmigración clandestina e branqueo, e outro a seis anos e medio por branqueo, inmigración e trata de seres humanos.
Dúas mulleres de orixe nixeriana deberán cumprir dous anos e tres anos e nove meses por favorecer a inmigración clandestina, pero ambas as dúas estiveron xa en prisión preventiva máis tempo, de modo que agora non entrarán.
TRAMA PARA CAPTAR MULLERES EN NIXERIA
Os sete acusados tiñan distinta implicación nunha trama deseñada para captar mulleres en Nixeria que accedían a trasladarse a España, onde as obrigaban a exercer a prostitución.
Neste proceso xogaban un papel fundamental mulleres de orixe nixeriana xa asentadas en España que contactaban coas vítimas e convencíanas para a viaxe mediante o engano e ameazas de prácticas de vodú coas que conseguían a súa submisión.
Unha vez en territorio español, exercían en distintos clubs, sendo acreditada na causa que se xulgou na Audiencia a súa actividade nun de Ponteareas e outro de Valencia.
A fiscal do caso explicou que se puido acreditar a existencia de tres vítimas, sen poder concretar cantas máis poderían ter. Unha delas non chegou a entrar en Europa. Das outras dúas, unha é menor de idade á que obrigaron a escapar dun centro, e á que tamén forzaron a exercer a prostitución nunha situación de escravitude e submisión absoluta, neste caso en Murcia. Utilizaron tamén o vodú para someter a vítima e a súa familia.
NOVO CÓDIGO PENAL
A condena por conformidade chegou xusta un día antes de que entre en vigor a reforma do Código Penal pola que se modificaría a condena a algún dos procesados, de aí que tamén esta circunstancia sexa destacada pola fiscal.
De feito, durante o tempo que durou a instrución desta causa, iniciada no ano 2010, entraron en vigor tres reformas legais distintas.











