Orozco e Besteiro manteñen unha reunión en Lugo
O alcalde en funcións de Lugo, Xosé Clemente López Orozco, e o secretario xeral do PSdeG, José Ramón Gómez Besteiro, manteñen este mércores unha reunión no Concello lucense, a tres días de que o sábado se constitúan as corporacións municipais e no medio do veto dos potenciais socios dos socialistas á figura do rexedor, imputado na Operación Pokémon.
Lugonovo e BNG impoñen como condición para apoiar a un alcalde socialista a retirada de Orozco, alcalde de Lugo dende 1999, dada a súa condición de imputado. O PSdeG quedou nas eleccións do 24 de maio con oito concelleiros, mentres que o PP o superou con nove edís, e Lugonovo obtivo tres, o BNG dous, Ciudadanos dous e Alternativa Cidadá de Esquerdas un.
A reunión entre Besteiro e Orozco ten lugar no despacho da alcaldía dende as 11.00 horas. Este encontro mantense a escasas horas de que se celebre o último pleno da presente lexislatura, ás cinco da tarde, un pleno máis de trámite.
Fontes oficiais do PSdeG rebaixan a transcendencia do encontro entre ambos os dous dirixentes socialistas e apuntan que se trata de “reunións normais”. Ao respecto, afirman que “hoxe non se vai anunciar nada” en relación a se Orozco segue ou finalmente se retira, aínda que este mércores é o último día do prazo que Lugonovo deu para recibir unha resposta por parte do PSdeG en relación coa súa proposta para formar goberno no Concello de Lugo.











