publicidade hoxe

Oroso constitúe o equipo de Goberno e os grupos municipais

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Pleno de Oroso

Pleno de Oroso

O Concello de Oroso celebrou esta mañá o seu pleno de organización, na que se constituíron os grupos políticos municipais e se deu conta da nova estrutura do Goberno municipal, encabezado de novo por Manuel Mirás Franqueira como alcalde. Así, o novo Goberno municipal queda estruturado do seguinte xeito:

– Manuel Mirás, alcalde e con competencias directas nas áreas de Economía e Urbanismo

– Vanesa Boo Martínez, primeira Tenente de Alcalde e concelleira de Coordinación, Comunicación, Protocolo, Persoal, Réxime Interior, Turismo e Atención a Maiores.

– Eduardo Veiras Rey, segundo Tenente de Alcalde e concelleiro de Medio Rural e Medio Ambiente, Obras e Servizos, e Relacións Veciñais.

– Beatriz Rodeiro Fernández, terceira Tenente de Alcalde e concelleira de Ensino, Benestar Social e Atención ao Menor.

– Luís Rey Villaverde, cuarto Tenente de Alcalde e concelleiro de Deportes, Cultura, Mobilidade, Emprego, Promoción Económica, Xuventude, Escolas Infantís e Aula de Música.

– María del Carmen Liste Raña, concelleira de Muller, Sanidade, Parroquias e Piscina Municipal.

– Antonio Leira Piñeiro, concelleiro de Seguridade Cidadá, Protección Civil, Voluntariado, Parques e Xardíns, Parque Móbil, Limpeza Viaria, Mobiliario Urbano e Comercio.

A Xunta de Goberno Local quedará conformada polos catro tenentes de alcalde: Vanesa Boo Martínez, Eduardo Veiras Rey, Beatriz Rodeiro Fernández e Luís Rey Villaverde. En canto aos grupos municipais, Antonio Leira Piñeiro será o voceiro do grupo municipal socialista (con Vanesa Boo Martínez como suplente); mentres que Alexánder Doval Expósito será o voceiro do grupo municipal do PP (con Josefina Iglesias Blanco como suplente). No grupo mixto, Manuel Siverio Mirás Liñares será o voceiro de Anova mentres que José Manuel Pérez Penas será o voceiro do BNG.

Plenos e representantes

Tras tomar coñecemento destes nomeamentos, o pleno acordou manter a periodicidade bimensual das sesións plenarias, que se celebrarán o último xoves de mes. Así, o primeiro pleno ordinario terá lugar o último xoves hábil do mes de xullo. A proposta foi aprobada cos 12 votos a favor do PSOE, PP e BNG e coa abstención de Anova. O único punto da sesión aprobado por unanimidade foi a composición das catro comisión informativas permanentes: Asuntos Xerais, Contas, Ordenación do Territorio e Familia-Benestar. A composición de todas elas será de 4 concelleiros do PSOE, 2 do PP e 1 do grupo mixto.

O pleno tamén acordou o nomeamento dos representantes do Concello de Oroso nos órganos colexiados como a Mancomunidade de Ordes (Manuel Mirás Franqueira), nos consellos escolares dos centros públicos do CEIP de Sigüeiro, IES de Sigüeiro e escolas unitarias de Deixebre, Marzoa, Vilacide, Oroso, Senra e Trasmonte (Beatriz Rodeiro); e no Patronato Provincial para Mellora do Medio Rural e na Asociación para o Desenvolvemento da Comarca de Ordes (Manuel Mirás Franqueira). A proposta foi aprobada cos 7 votos a favor do PSOE e as abstencións do resto de grupos.

Así mesmo, aprobouse a mesma delegación de competencias do Pleno do Concello na Xunta de Goberno Local que a realizada hai catro anos. Unha proposta que foi aprobada cos 7 votos a favor do grupo de Goberno e os 6 votos en contra dos demais grupos municipais. Un sentido de voto que se mantivo durante o resto da sesión.

Dedicacións e asistencias

O Pleno Municipal aprobou manter as seis dedicacións do grupo de Goberno, que serán:

– Manuel Mirás, alcalde. Dedicación parcial de 34.373,28 euros brutos/ano, cunha dedicación mínima de 30 horas semanais. É dicir, mantense a contía de 2011 pero se incrementa un 50%k.

– Vanesa Boo Martínez, primeira Tenente de Alcalde. Dedicación exclusiva de 22.400 euros.

– Beatriz Rodeiro Fernández, terceira Tenente de Alcalde. Dedicación parcial de 11.946,67 euros, cunha dedicación mínima de 20 horas semanais.

– Luís Rey Villaverde, cuarto Tenente de Alcalde. Dedicación exclusiva de 22.400 euros.

– María del Carmen Liste Raña. Dedicación parcial de 9.021,39 euros, cunha dedicación mínima de 15 horas semanais.

– Antonio Leira Piñeiro. Dedicación exclusiva de 22.400 euros.

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, xustificou o número de dedicación aprobado hoxe no feito de que “se no Concello de Oroso houbese máis funcionarios non serían necesarias estas dedicación” e ante as comparacións realizadas polos grupos da oposición indicou que “eses concellos que poñen de exemplo teñen moito máis persoal, polo que o gasto en persoal é moi superior ao de Oroso”.

O alcalde orosán insistiu en que “os que se dedican á política teñen que cobrar un salario digno. Isto o entende calquera cidadán” e pediulles aos grupos da oposición que non utilicen a demagoxia nestes temas, como xa ten acontecido en anos anteriores. “Non imos tirar a casa pola ventá nin imos deixar de prestar servizo ningún aos veciños. Son os salarios que marca a lei e estou totalmente seguro de que se calquera dos concelleiros da oposición estivese no noso lugar farían unha cousa moi parecida”, concluíu Mirás Franqueira. 

Finalmente, pleno tamén estableceu as mesmas contías por asistencias a sesións de órganos colexiados que as establecidas en 2007. Unhas retribucións que non serán percibidas por ningún dos concelleiros con dedicación parcial ou total. Así, as asistencias a plenos da corporación, á Comisión Especial de Contas ou ás Comisións Informativas serán de 120 euros. A novidade foi a eliminación dos 160 euros no caso da Presidencia das comisións informativas. Por asistencia á Xunta de Goberno Local fíxanse 275 euros.

25 de xuño de 2015 | 18:52 • Sen comentarios

Comentarios pechados.