publicidade hoxe

Oroso celebra este venres o II Día do Deporte

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+

O Campo de Fútbol de Sigüeiro acollerá mañá venres 19 de xuño, a partir das 20:00 horas, a entrega dos premios do II Día do Deporte de Oroso, unha iniciativa coa que o Concello de Oroso quere “recoñecer o traballo de todas as asociacións e clubs deportivos, sobre todo pola función social que realizan en beneficio da veciñanza, ademais de representar ao Concello de Oroso nas distintas competicións e eventos nos que participan”, explica o concelleiro de Deportes, Luís Rey Villaverde.

Antes da entrega dos premios, a partir das 17:30 horas terán lugar as tradicionais exhibicións das escolas deportivas no polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro. O programa comezará ás 17:30 horas coa exhibición de ximnasia rítmica, seguido por taekwondo ITF (18:00 h), patinaxe (18:30 h) e zumba (19:00 h). Paralelamente, no campo de fútbol haberá inchables e poderase xogar tamén ao tenis de mesa. En ambos casos, entrada é libre e de balde. 

Programa do acto

A entrega de premios do II Día do Deporte de Oroso estará presidido polo alcalde, Manuel Mirás, e polo concelleiro de Deportes, Luís Rey, que entregarán unha distinción aos responsables de todos os clubs e asociacións deportivas do municipio: club deportivo Alecrín, Club de Béisbol Leones, Oroso Fútbol Sala, Escola Deportiva Xuventude Oroso, Taekwondo ITF Oroso, Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, club ciclista Tambre Bike, Oroso Motor Sport, Club Patín Oroso, Oroso Tenis de Mesa, Club Tambre Pitch&Putt, Xadrez Oroso, Club Ximnasia Oroso, SD Deixebre e Sigüeiro FC. Acto seguido, todos os deportistas destes clubs e escolas recibirán cadansúa medalla. 

Así mesmo, o Concello de Oroso entregará o Recoñecemento á Mellor Deportista do Ano a Silvia Álvarez Mosquera, do club Oroso Tenis de Mesa. Silvia Álvarez comezou a adestrar aos nove anos e é na actualidade unha das xogadoras máis novas da División de Honra, onde xoga no Oroso TM, e é unha das xogadoras fixas das seleccións galega e española. Ademais, foi campioa galega e de España en varias ocasións nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete. 

Ademais, o Concello entregará dous recoñecementos especiais: á ED Xuventude Oroso, polo seu décimo aniversario e polo labor que realiza polo deporte de base no municipio; e ao club ciclista Tambre Bike, pola promoción do deporte e a súa colaboración en eventos deportivos municipais. O Concello de Oroso tamén recoñecerá o traballo de Protección Civil Oroso e Voluntariado de Oroso, así como o apoio ao deporte de empresas como Coca-Cola, Eulogio Viñal Obras y Construcciones e o Grupo Rafra.

Finalmente, o Concello de Oroso entregará tres recoñecementos á traxectoria e dedicación ao deporte en Oroso. O primeiro será para Laureano Iglesias Tato, un dos fundadores da SD Deixebre e membro directivo durante 17 anos. O segundo será para Luciano Dono Nouche, presidente e fundador da SD Oroso, que presidiu ata o 2004. E o terceiro será para José A. Veiga Mosquera, xogador do Sigüeiro FC e da SD Ordes que na actualidade sigue competindo en triatlóns.

O acto contará coas actuacións do club deportivo Alecrín, dos nenos/as da asociación folclórica “Lembranzas do Tambre” e cunha exhibición do club hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso.

18 de xuño de 2015 | 18:55 • Sen comentarios

Comentarios pechados.