publicidade hoxe

Oroso abre expediente sancionador a Fenosa por non repoñer a tapa dun pozo de rexistro da liña eléctrica en Sigüeiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOroso
A-
A+

O Concello de Oroso vén de incoar expediente sancionador a Unión Fenosa Distribución SA por non manter en axeitado estado de seguridade unha tapa do pozo de rexistro da rede soterrada da liña de subministro de enerxía eléctrica na rúa Camiño Real, na zona centro da calzada, na súa intersección coa rúa de Ourense (Sigüeiro). O Concello considera que que supón unha clara e evidente situación de risco para persoas e vehículos, vulnerando así tanto a Ordenanza Xeral de Limpeza e Ornato Público do Concello de Oroso como a Lei 9/2002 de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galicia.

Uns feitos que o Concello de Oroso considera como infracción moi grave polo que, de acordo coa normativa municipal, levan aparellados unha sanción de 1.000 euros (xa que se trata da primeira infracción deste tipo cometida por esta empresa en Oroso). Ademais, mentres Unión Fenosa Distribución SA non cumpre coas súas obrigas de mantemento, o Concello de Oroso xa procedeu a sinalizar convintemente a zona para advertir do risco tanto aos peóns como aos vehículos que circulen por esta rúa. 

Avisos previos 

Na Resolución da Alcaldía emitida onte venres, o Concello de Oroso lembra que o pasado 8 de xuño xa lle remitiu á compañía u n escrito no que se lle informaba de que unha tapa do pozo de rexistro da rede soterrada da liña de subministro de enerxía eléctrica no centro da calzada da rúa Camiño Real, na súa intersección coa rúa de Ourense, se atopaba totalmente destrozada e resultaba moi perigosa para a circulación dos vehículos na zona, sobre todo cando pretendían xirar en dirección á rúa Ourense. 

A pesar de que ao Concello lle consta que o escrito foi recibido pola compañía, o 25 de xuño a Policía Local de Oroso emitiu un informe no que constata a ausencia da devandita tapa e especifica que “o pozo, con tubos e cables de electricidade, ten unha profundidade de máis de un metro” e que “a ausencia da tapa é un perigo para os usuarios da vía, dificultando a circulación de turismo e impedindo o paso de vehículos pesados”. 

Agora, a empresa dispón dun prazo de quince días para achegar cantas alegacións estimen axeitadas.

27 de xuño de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.