Oito padexeiros galegos participarán nos Xogos Europeos que se disputarán en Bakú

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes Portada
A-
A+

Oito padexeiros galegos iniciaron este xoves a viaxe para participar nos Xogos Europeos que se disputarán en Bakú (Arzeibayán). A competición de piragüismo terá como escenario o río Kur na localidade de Mingacevir. As regatas disputaranse os días 14,15 e 16, é dicir, sábado, domingo e luns.

Ana Varela e Roi Rodríguez, ambos do Kaiak Tudense, serán os únicos que participen en dúas modalidades. A primeira delas competirá en K-1 5.000 metros e tamén en K-2 500 xunto a Isabel Contreras. Roi Rodríguez farao en K-1 1.000 e 5.000 metros. Rubén Millán estará xunto ao canario Víctor Rodríguez, ambos do club tudense, no K-2 1.000 metros.  

André Oliveira, do Firrete, paleará no C-1 1.000 metros, mentres Tono Campos e Diego Romero, do Breogán do Grove, farano en C-2 1.000 metros. A representación galega nos Xogos Europeos complétase con Carlos Arévalo e Cristian Toro que estarán no K-2 200 metros.

Os padexeiros chegarán a Bakú e despois trasladaranse á localidade de Mingacevir, situada a máis de trescentos quilómetros da capital de Arzeibayán. Por tanto, non estarán na Vila Olímpica. Competirán no río Kur que posúe unhas características moi peculiares. Segundo os datos dos que dispoñen, as correntes son moi fortes. Os organizadores limparon o río e mesmo dispoñen dunha presa próxima para controlar o caudal do mesmo.

Nos Xogos Europeos disputaranse un total de 253 competicións, segundo o programa oficial, de vinte modalidades deportiva, algunhas delas olímpicas. Celebraranse entre este venres e o día 28, día de clausúraa.

11 de xuño de 2015 | 19:21 • Sen comentarios

Comentarios pechados.