O XLII Trofeo Boa Vila de Atletismo celebrarase o mércores
A segunda das competicións en pista que organiza a Sociedade Ximnástica, celebrarase o vindeiro mércores desde as 7 da tarde ata as 9 e media da noite, nas pistas de atletismo do CGTD de Pontevedra. A competición conta coa colaboración do CGTD e o patrocinio de Supermercados Froiz. Nas dúas horas e media de competición celebraranse un total de 17 probas, 10 para os homes e 7 para as mulleres, celebrándose algunhas para os Cadetes. Será unha gran oportunidade para que os atletas sub16 consigan a mínima do nacional da categoría que se celebra a primeiros de xullo.
As primeiras especialidades serán a pértega masculina, coa presenza de Santi Ferrer, que vén de mellorar a súa marca persoal con 4,80; o salto de altura feminino, no que pode estar Saleta Fernández, que tentará chegar aos metros e 80 centímetros e o lanzamento de disco masculino absoluto, con Víctor Gallego do que esperamos siga mellorando tras as súas lesións e o disco masculino da categoría júnior.
Ás sete e dez comezarán as carreiras, cos 100 metros valas xuvenil e cadete feminino con Lucía Ferrer en busca da mínima para o nacional; a continuación os 100 metros valas cadete masculino e os 110 metros valas masculinos.
Ás oito menos cinco será a quenda para o dobre hectómetro, primeiro as mulleres e despois os homes; quince minutos máis tarde comezará o salto de lonxitude feminino, ademais do lanzamento de martelo, cadete e xuvenil feminino.
Despois dos 200 metros, ás oito e 25, serán as carreiras de 600 metros cadete, tanto en mulleres como en homes. Ás nove menos cuarto veremos os 2.000 metros obstáculos masculino, a continuación celebrarase a distancia de 3.000 metros para mulleres e pechará o programa de probas un interesante 1.500 metros masculinos, ás nove e cuarto e dez minutos máis tarde os 400 metros masculinos.
Ao termo da reunión atlética entregarase o premio á mellor marca da competición, tanto en homes como en mulleres.











