O violinista Antonio Seijo ofrece un concerto de homenaxe ao pop no Salón García
O ex compoñente do grupo Milladoiro, no que participou entre 1992 e 2000 e gravou cinco discos, Antonio Seijo, violinista e profesor do conservatorio de Pontevedra estará este sábado no Salón García dentro da súa xira de celebración dos seus primeiros trinta anos subidos a un escenario. E o fará nun rexistro pouco coñecido: a interpretación de grandes éxitos do pop inglés e americano dos anos 80 e 90 (Michael Jackson, George Michel, Queen, etcétera) pero en clave instrumental e co violín eléctrico como fío conductor.
O grupo de Seijo é unha formación clásica do pop e o rock, segundo explicou: unha batería, un baixo, unha guitarra, un teclado e un saxo, ao que se une o violín eléctrico. Como novidade, os catro últimos temas contarán coa presenza de catro alumnos do conservatorio de Pontevedra, que tocan o violín e o cello e que sumarán os seis músicos que conforman o gruo de Antonio Seijo.
Ademais de tocar en Milladoiro, o profesor e músico ten detrás unha longa traxectoria, que vai dende tocar en cruceiros ata acompañar a recoñecidos artistas como Julio Iglesias ou Bonnie Tyler.
As entradas para presenciar este concerto custan 10 euros, e poden ser adquiridas a través de Servinova ou ben na billeteira do mesmo Salón García dende dúas horas antes do concerto. Alberto Seijo agradeceu publicamente o apoio dos patrocinadores da xira –Aceites Abril, Conservas Daporta, Albariño Santiago Roma, Galletas Maruxa e Caldaria- porque, ademais de facer máis asequibles as entradas, tamén permiten que, por exemplo, os que asistan ao evento poden degustar as galletas ou participar no sorteo dunha fin de semana no balneario de Laias. Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Rocío Llovo, animou aos vilagarciáns a asistir a un concerto que sen dúbida será diferente ao que adoitan poder ver no Salón García e mesmo no Auditorio.











