O V Torneo Internacional Infantil Vigo Rugby reunirá a 750 nenos de Galicia e o norte de Portugal

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesDeportes PortadaVigo
A-
A+
Presentación do torneo

Presentación do torneo

As instalacións deportivas do campus de Lagoas Marcosende, na Universidade de Vigo, acollerán este sábado a quinta edición do Torneo Internacional Infantil Vigo Rugby, que nesta ocasión reunirá clubs e escolas de Galicia e Portugal, cun total de 750 mozos participantes de idades comprendidas entre os 5 e os 15 anos.

Os encontros disputaranse ó longo de toda a xornada, desde as 11:00 ata as 18:00 horas. Os pais e afeccionados que desexen presenciar o espectáculo, que será aberto e gratuíto, atoparán postos móbiles nos que poderán adquirir comida e bebida, instalados por algúns dos patrocinadores do evento.

O director da escola Vigo Rugby, Pedro Covelo, falou esta mañá, durante a presentación que tivo lugar na sede viguesa da Deputación, do “crecemento exponencial” da afección ó rugby entre os mozos. “Fixemos un labor de pedagoxía por todos os colexios e, neste último ano, logramos unha participación estable de máis de 1.200 nenos”, comentou.

Resaltou ademais o feito de que os xogadores do primeiro equipo e, polo tanto, os ídolos dos máis novos, son tamén os seus adestradores cada semana e conviven con eles durante os seus partidos e a súa preparación. Covelo apuntou as “grandes posibilidades de formación e educación” que ofrece un deporte coma o rugby desde idades moi temperás.

A deputada Marta Iglesias animou, pola súa banda, os afeccionados ó rugby a que gocen o sábado desta xornada lúdico-deportiva e destacou a importancia do Vigo Rugby no mapa de escolas deportivas da Deputación na provincia. Este ano hai un total de 247 escolas, presentes en todos os concellos, nas que participaron preto de 9.000 nenos de idades comprendidas entre os 5 e os 16 anos.

O V Torneo Internacional Infantil Vigo Rugby contará nesta ocasión coa presenza de clubs e escolas das catro provincias galegas, tres clubs de rugby de O Porto e dous de Braga e Arcos de Valdevez.

Para Pedro Covelo a colaboración da Deputación, a Universidade e os patrocinadores (o principal é a cadea alimentaria Hiperxel) está a ser decisiva á hora de xerar afección por este deporte e de “facer posible o seu coñecemento e a súa práctica entre os máis novos” a través de persoal cualificado.

4 de xuño de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.