publicidade hoxe

O último pleno do mandato en Carballo despide aos oito concelleiros que xa non formarán parte da corporación

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballo
A-
A+

A corporación carballesa vén de celebrar a última sesión do mandato, unha convocatoria extraordinaria na que o único punto da orde do día foi a aprobación da acta da sesión anterior. Mais desta volta os contidos da sesión foron o de menos, xa que o pleno serviu para despedir aos concelleiros que non repetirán acta a partir da toma de posesión que terá lugar o sábado 13 de xuño. Son José Daniel Pérez López, Aurelio Núñez-Centeno, Margarita Varela Lema, Juan Carlos Castro Pombo, Ramón Antelo Veiga, José Lado Lamas, Manuel Andrade Cristóbal e José Antonio Viña Patiño.

O Alcalde en funcións, Evencio Ferrero, abriu a sesión cunhas verbas de agradecemento para todos os compañeiros de corporación con especial atención aos que marchan e desculpando, en primeiro lugar, as ausencias de Aurelio Núñez-Centeno e Marga Varela ao coincidir a sesión coas súas obrigas como deputados en Santiago de Compostela e en Madrid. Logo tivo palabras para cada un dos concelleiros saíntes. A Juan Carlos Castro, do PP, agradeceulle o “respecto mutuo” que existiu entre eles a pesar do “debate intenso” que mantiveron de cotío, un debate “que quedou sempre dentro da política”. Transmitiulle os seus “parabéns” polo seu traballo “feito de forma exemplar” durante os seus 20 anos na corporación. Do mesmo xeito, con Andrade, de TEGA, lembrou os “moitísimos plenos” que levan compartido no Concello e subliñou que “calquera carballés debe recoñecerlle o seu traballo polo benestar de todos” e expresou que, aínda que nos últimos tempos as súas posturas políticas estiveron “cada vez máis apartadas”, espera que iso non inflúa no seu “agarimo persoal”.

Para o concelleiro do PSOE, José Antonio Viña, tivo verbas lembrando os oito anos que compartiron no grupo de goberno, e describiuno como “unha persoa leal e de traballo por Carballo”. Para el, o seu “recoñecemento e afecto persoal”. Para o seu compañeiro de filas, Daniel Pérez, tivo agradecementos por “ser unha persoa con reflexión seria, documentada e profunda” e por acceder a compartir traballo no goberno de Carballo. Por último, a Antelo e Lado, do PP, agradeceulles que asumisen responsabilidades de representación pública “nestes momentos en que temos que prestixiar a profesión política”. Os concelleiros saíntes tiveron tamén a oportunidade de expresar as súas impresións logo do seu traballo na corporación e agradeceron, tamén todos, o labor dos funcionarios e persoal laboral do Concello, impecable e eficaz na súa relación cos corporativos. En primeiro lugar, Juan Carlos Castro coincidiu con Ferrero en manifestar o seu “respecto mutuo” e expresou que nos seus 20 anos de traxectoria na política local, o seu obxectivo “foi sempre defender os intereses públicos”. Agradeceu a relación cordial que ten mantido cos compañeiros e compañeiras e púxose a disposición da nova corporación e dos veciños e veciñas para traballar a prol de Carballo, aínda que xa fóra do salón de plenos.

Verbas de Viña e Andrade

Moncho Antelo tivo agradecementos tamén para todos os seus compañeiros, nomeadamente para os do PP e para Alberto Sueiro, ex líder do PP carballés, por ter confiado nel. Desculpouse diante dos veciños e veciñas “por non terlle podido dedicar máis tempo” ás súas responsabilidades políticas. José Antonio Viña manifestou que foi “unha honra enorme ter estado aquí durante once anos” e asegura que a pesar dalgunha “páxara”, marcha cunha sensación “moi positiva”. Cre que, na súa traxectoria, mesmo chegou a trabar amizades cos seus compañeiros e compañeiras e desexoulle “sorte á nova corporación”. Andrade reflexionou sobre as súas dúas etapas como concelleiro na corporación, unha primeira “cando entrei á democracia”, e esta segunda “de cambio ilusionante da que me sinto moi satisfeito”.

Lamentou non poder levar a cabo algúns dos proxectos que tiña pensados e que “quedaron no tinteiro”, e, como peche, manifestou a intención de seguir vendo a todos os corporativos fóra do salón de plenos, mais chanceando coa posibilidade de emprender no futuro unha terceira etapa como concelleiro. “Igual hai unha terceira”, dixo non sen retranca e entre os risos dos presentes. Pechou a quenda de intervencións José Lado con verbas de agradecemento para todos e transmitíndolle os seus parabéns ao grupo municipal do BNG pola súa maioría absoluta e pedíndolles que “tratedes ben á oposición”, da que el xa non vai a formar parte.

O Alcalde en funcións tomou de novo a palabra antes de pechar a sesión, desexándolle o mellor a todos e todas para o futuro, independentemente de que estean dentro ou fóra da corporación, porque “Carballo somos todos e esperamos seguir tendendo pontes de encontro”.

10 de xuño de 2015 | 19:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.