O Torneo Internacional de Taekwondo de Ourense reunirá a preto de mil deportistas
A XIII edición do Torneo Internacional Cidade de Ourense, que se celebrará esta fin de semana (20 e 21 de xuño) no pavillón Pazo Paz, reunirá a preto de mil deportistas das modalidades de técnica, exhibición, free style e combate. O sábado 20 de xuño (a partir das 09:00) terá lugar a competición de técnica que se celebrará en seis pistas coa participación de 400 deportistas de todas as categorías (dende prebenxamín ata máster).
Pola tarde, a partir das 15:00 horas, terá lugar a competición na modalidade de free style e exhibición (17:00 horas) con máis de 300 participantes das (infantís, cadetes e adultos). Unha tarde espectacular, con grandes especialistas en ambas modalidades, nas que se combina coreografía, acrobacias, música, nun espectáculo moi atractivo para o público. Ademais este ano incorpórase ao torneo a modalidade de combate (categorías cadete e infantil). Celébrase o domingo, a partir das 09:30 horas, con máis de 50 participantes. O obxectivo deste torneo é fomentar a participación e o organizador, o Club Couto, pretende que sexa unha festa para as e os seus deportistas.











