O Teatro Principal acolle mañá a representación da obra de primaria gañadora do XX Certame de Teatro Intercentros

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSantiago de Compostela
A-
A+

Este mércores 10 de xuño, ás 20:00 horas, no Teatro Principal, representarase a obra premiada de educación primaria do XX Certame de Teatro Intercentros, realizado pola Concellería de Educación en colaboración coa Coordinadora de Equipas de Normalización Lingüística de Santiago de Compostela. Trátase da obra Extraescolar, do grupo de teatro do Colexio San Jorge.

Ao remate da representación, a concelleira de Educación en funcións, Teresa Cancelo, entregará os diplomas aos centros participantes e os agasallos aos premiados nas categorías de mellor actor, mellor actriz e grupo gañador.

O Certame de Teatro Intercentros é unha proposta de dinamización da actividade teatral nos centros de ensino. Pretende que o teatro deixe de percibirse como un fenómeno illado da súa experiencia cotiá e realizado en circunstancias excepcionais para pasar a incorporarse ao contorno sociocultural do estudante.

O Certame comezou o 20 de abril e, durante unha semana, os diferentes grupos de teatro de Santiago e comarca participantes fixeron as súas representacións nos salóns de actos dos IES Arcebispo Xelmírez I e Rosalía de Castro e na Facultade de Ciencias de Educación. O propio alumnado asistente e diferentes profesionais de teatro foron os encargados de elixir as obras e os grupos gañadores das categorías de educación secundaria e educación primaria, así como o mellor actor e mellor actriz en cada categoría.

O pasado 19 de maio, tamén no Teatro Principal, representouse a obra gañadora en educación secundaria, neste caso O incidente, a cargo do grupo Vai no Dentista, do IES Xelmírez I.

9 de xuño de 2015 | 20:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.