O Rio Natura Monbus Obradoiro ficha ao beirado Eimantas Bendzius
O Rio Natura Monbus Obradoiro chegou a un acordo para as dúas próximas tempadas co beirado lituano Eimantas Bendzius (2,03 metros e 25 anos), que procede do Trefl Sopot, co que promediou esta campaña na liga Polaca 14.3 puntos (51.2% en tiros de dous, 41.4% en triplos e 80.2% en libres) e 4.8 rebotes en 27 minutos (33 partidos disputados).
Internacional nas categorías U19 e U20, anteriormente militara en varios equipos do seu país: Lietuvos Rytas (2012-2014), Pieno Zvaigzdes (2011-2012) e Perlas Vilnius (2008-2011).
“Eimantas destaca principalmente pola súa polivalencia, actividade e lanzamento exterior, todo iso nun físico de máis de dous metros. Máis aló de calquera valoración técnica, é un xogador que se tivo que facer a si mesmo, buscando primeiro o seu lugar na liga Polaca e aceptando agora o reto da liga Endesa. Vén con moita ilusión. O seu impacto dependerá principalmente da súa mentalidade e capacidade de adaptación. Estamos contentos con esta primeira incorporación para o Rio Natura Monbus Obradoiro 2015/16”, afirma o director xeral do club, José Luís Mateo.











