O Rio Natura Monbus Obradoiro bota a andar coa campaña de abonados “O Camiño da Ilusión”

Presentación da campaña
O Rio Natura Monbus Obradoiro pon en marcha a campaña de captación de abonados para tempada 2015/16, “O Camiño da Ilusión”, que anima a todos os afeccionados a seguir acompañando ao equipo en cada un dos seus novos retos.
José Ramón García, conselleiro do equipo por parte de Blusens, exerceu de mestre de cerimonias en presentación realizada nas instalacións do San Francisco Hotel Monumento, membro do Club de Empresas Obradoiro.
Así, o directivo empezou destacando que “os abonos manteñen os prezos da pasada campaña, pero si creamos máis descontos. De entrada, o desconto por rapidez renovando manterase ata o 15 de xullo. Os abonados que renoven o seu asento terán tamén o 10%, ou o 30% en caso de ser accionistas con máis títulos dos mínimos. Os abonados da tempada 14/15 poderán renovar no seu asento sen risco de perdelo ata o 31 de agosto, data na que se liberarán”, debullou. De novo, o club ofrece tamén Prezos Reducidos para maiores de 65, menores de 18, estudantes menores de 25 anos, desempregados desde fai máis de seis meses ou federados do ámbito do baloncesto.
O conselleiro lembrou tamén que este ano a renovación e creación de abonos pode ligarse á figura do Amigo da Fundación Heracles, “xa que todo aquel que realice unha achega á Fundación de polo menos 130 euros, recibirá ademais de calquera desconto un de 50 euros durante tres tempadas consecutivas no abono. Tamén outras vantaxes como unha dedución na Declaración da Renda dun 27.5% en caso de persoas físicas e dun 35% no Imposto de Sociedades no caso de empresas; a preferencia na compra de abonos da Copa do Rei A Coruña 2016; o transporte gratuíto á mesma, etc”.
Por outra banda, o desconto “Trae a un amigo” amplía agora o seu cociente, ofrecendo un 10% para o recomendador e un 5% para o recomendado. “E tamén nos quixemos acordar unha vez máis daqueles que nos acompañaron en tempadas anteriores, podendo volver abonarse agora cun 5% de desconto”, explicou García.
Outra das novidades é a posibilidade de transporte en bus a Sar durante todas as xornadas en casa para grupos mínimos de 40 persoas, por un suplemento de só 45 euros nos seus abonos. Os grupos de compañeiros de traballo de polo menos dez persoas terán tamén un 10% de desconto nos seus abonos.
O abono inclúe todos os encontros da liga Regular no Fontes do Sar, non existindo novamente Días de Club. Ademais, este ano as vantaxes do abono inclúen a Camiseta Fan da Copa 2016, un 5% de desconto nos produtos oficiais do club dispoñibles na tenda Tiro Libre SCQ e outras moitas ofertas puntuais do Club de Empresas Obradoiro.
José Ramón García comentou tamén a título persoal o convenio que unirá a partir de agora a Blusens coa peña Zona Norte, polo que “as novas altas da peña ou os afeccionados que a deixaron por non poder pagala contarán cunha gran axuda económica para que volvan e suban os decibeis do pavillón. Necesitamos esta animación”.
Moncho Fernández, técnico do club, expresou “como abonado do club, xunto coa miña familia”, o seu interese polo desconto proveniente do Amigo da Fundación Heracles, “xa que cumpre unha dobre función, e a relativa ao apoio ás categorías base aféctame tamén como técnico se pensamos a medio e longo prazo”. Lembrou o importante que é a calor da afección para o persoal deportivo, “que este pasado ano en concreto sacamos adiante partidos que estou convencido non gañariamos sen a xente”, confesou.
Todo aquel que queira abonarse a #ocamiñodailusion pode facelo xa mediante a páxina web do club ou nas oficinas do mesmo, de luns a venres de 10 a 14 e de 17 a 20 horas. Poderá consultar en oficinas as posibilidades de financiamento do pago.











