publicidade hoxe

O rexedor de Becerreá pide xogo limpo para elixir o candidato da Deputación de Lugo

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBecerreáLugo
A-
A+
Europa Press

O voceiro do PSOE na Deputación de Lugo e alcalde en funcións de Becerreá, Manuel Martínez, que se postulou para presidir a institución provincial, pediu este venres ao PSdeG “xogo limpo” para elixir ao candidato socialista a presidila. Martínez asegurou, tras a reunión semanal do goberno provincial bipartito, que xa conta cos avais, un terzo dos 97 concelleiros do partido xudicial de Lugo que o 19 de xuño elixirán os cinco deputados provinciais que lograban os socialistas.

“Eu vou manter a miña candidatura, se non hai ningunha gaño se hai outra podo gañar ou perder. O que pido é xogo limpo ao partido e despois que nos reúnan previamente a todos os concelleiros electos desta bisbarra e que os 97 concelleiros electos voten”, manifestou.

Ao respecto engadiu que “se hai dúas candidaturas, dous e se hai tres, tres”. “Non está pechado, pero no xulgado está pechado porque hai que presentar avais”, abundou.

O rexedor en funcións de Becerreá asegurou este venres que “non” oíu a ninguén que se postule para presidente, aínda que comentou que soa o secretario provincial dos socialistas, Juan Carlos González Santín, como o aspirante oficial.

“Non oín a ninguén que se postule para presidente salvo eu e Santín en diferido, a través da prensa. Se hai outro que se postule a partir dos once que estean alí, votaremos os once (os conseguidos no conxunto da provincia polo PSOE) e que teña seis como mínimo será o candidat a presidente, aínda que logo hai que negociar co BNG”, concretou.

“ACORDO PREVIO”

Martínez avoga por que “se hai dúas listas, non debe de interferir a unha á outra”. “Eu creo que o gañe que o leve todo, por iso pido unha votación previa á do xulgado”, considerou.

“Pido un acordo previo e a lista que gañe internamente que sexa a que se presente, que vai contar co meu apoio se non é a miña. Eu non teño nada con Santín, con Lara, nin con ninguén. Eu só quero como militante ter o meu dereito a participar nun proceso dun partido que é democrático e que presume de participativo”, concluíu.

12 de xuño de 2015 | 16:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.