publicidade hoxe

O restaurante Millo Verde reinvéntase como proxecto agro-gastronómico online

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOia
A-
A+

A empresa social Obradoiro Millo Verde SlowFood, que oficialmente naceu a finais do ano pasado e que se sitúa no lugar de Torroña, no concello de Oia, acaba de pór a andar a súa tenda online (www.milloverde.es), tres anos despois do feche do prestixioso restaurante Millo Verde.

O bo facer nos fogóns do restaurante, que operou entre os anos 1999 e 2011, valéralle un merecido recoñecemento que atraeu mesmo a personalidades do momento, como o entón presidente da Xunta de Galicia, Emilio Pérez Touriño, ou o vicepresidente do goberno autonómico, Anxo Quintana.

Un dos pratos estrela eran as empanadas, ás que a clientela do restaurante non estaba disposta a renunciar cando o estabelecimento fechou as súas portas. “Chamaban moitas clientas a preguntarnos polas empanadas. «É que non se encontra algo así en ningún outro sitio!»”, lembra Carmen Álvarez, que por entón rexentaba o restaurante.

Aquel interese na gastronomía que o restaurante Millo Verde tiña ofrecido levou a que a propia Carmen Álvarez e as súas fillas, Eva e Patricia Cañizares, decidisen emprender o actual proxecto.

Naceu así Obradoiro Millo Verde SlowFood, en cuxas instalacións (as do antigo restaurante Millo Verde) se elaboran todos os días as afamadas empanadas de millo do vello restaurante, en versión convencional ou aptas para persoas con intolerancias alimentarias, con millos comúns ou co menos coñecido millo corvo (pego ou meiro). E tamén doces, entre os que destacan o Pudin de Mirabeis ou o Pastel de Chocolate Negro con Queixo de Arzúa – Ulloa.

Aposta polo rural, en feminino

Obradoiro Millo Verde SlowFood apostou desde o primeiro momento por manter as súas instalacións e principais espazos de traballo no lugar de Torroña, nun esforzo adoptado de modo consciente polas súas tres impulsoras, a fin de poren o seu grao de area contra o despoboamento e desertización do rural galego. “Con este proxecto tamén queremos contribuír a pór en valor o ámbito rural e a vida no rural, recorrendo á tradición, pero con criterios contemporáneos”, asevera Eva Cañizares.

O proxecto ten unha xénese eminentemente feminina, coas súas tres impulsoras iniciais, mais tamén é ás mulleres rurais, en primeiro termo, que se apela para momentos en que é precisa colaboración e serán elas quen teñan prioridade se no futuro o proxecto precisa máis brazos a traballar.

Respecto do medio e recuperación do millo corvo

Reducir ao mínimo o impacto ambiental negativo das súas actividades está entre as prioridades do Obradoiro Millo Verde SlowFood, algo que non só ten que ver coa protección dos recursos para as futuras xeracións, senón tamén coa saúde e benestar das actuais.

Neste sentido, o proxecto garante a non utilización de produtos transxénicos no proceso nin nos alimentos comercializados; e tamén o non recurso a aditivos artificiais. Mais quizá sexa a aposta pola utilización do millo corvo, (pego ou meiro) o elemento máis orixinal deste compromiso co ambiente.

O millo corvo, de cuxa existencia en Galicia se ten constancia desde 1618, está a coñecer un período de recuperación após a súa case desaparición do noso país.

Segundo un estudo feito público en 2013 pola Misión Biolóxica de Galicia, do Consello Superior de Investigacións Científicas, trátase dunha variedade de valor nutricional particularmente relevante debido a que supera ás demais no seu contido de antioxidantes.

SlowFood e Km 0

A empresa social torroñesa comparte os principios enunciados no manifesto do movemento SlowFood, que no esencial vén propor unha reacción contra o frenesí das sociedades actuais. SlowFood avoga por integrar unha lentitude consciente e atenta en todos os procesos relacionados coa alimentación, desde a produción até a degustación, pasando pola elaboración dos pratos.

“O homo sapiens debe recuperar a súa sabiduría e liberarse da velocidade que o pode reducir a unha especie en vías de extinción”, asevera entre outras cousas o manifesto SlowFood, que tamén promove o concepto de “Km 0”, co que quere pór en valor e defender a utilización de produtos gastronómicos locais, por razóns ambientais, culturais e económicas.

11 de xuño de 2015 | 12:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.