O Rei de España presidirá o Comité de Honra de Termatalia 2015
A súa Maxestade o Rei de España, Don Felipe VI, presidirá o Comité de Honra de Termatalia 2015 que se celebrará en Ourense entre o 24 e o 26 de setembro. Está confirmación dá continuidade á presidencia deste comité que en anos anteriores ocupara como Príncipe de Asturias. Esta aceptación avala a traxectoria da Feira Internacional de Turismo termal, Saúde e Benestar e sitúaa como un proxecto de interese xeral para a sociedade ao promover a Cultura da auga e o seu aproveitamento sustentable, á vez que xera novas oportunidades de negocio para as empresas españolas e latinoamericanas.
O auxe que está a vivir o termalismo como actividade económica, turística e sanitaria, leva á necesidade de implicar a estamentos públicos e privados. Este feito levou un ano máis á organización de TERMATALIA a facer partícipes deste proxecto a través da súa presenza no Comité de Honra a distintas institucións públicas internacionais, nacionais e autonómicas. Así, a organización de Termatalia recibiu tamén estes días as aceptacións para formar parte do Comité de Honra da próxima edición da feira do ministro de Turismo do Goberno de España, José Manuel Soria López, e do seu homólogo na República Arxentina, Carlos Enrique Meyer, que ademais participa como país invitado. Este feito reforza o papel da Feira Internacional de Turismo Termal, de Saúde e Benestar como ponte de conexión entre o termalismo europeo e o de América Latina e como unha das principais citas mundiais do sector.
Ademais dos ministros de Turismo de España e Arxentina, forman parte do comité de honra outros destacados representantes institucionais como o ministro de Sanidade de España, Alfonso Alonso Aranegui, o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo e varios conselleiros do seu goberno (Economía e Industria; Sanidade e Cultura, Educación e Formación Universitaria), a Secretaria de Estado de Turismo, Isabel Borrego Cortés, ou o delegado do Goberno en Galicia, Santiago Villanueva Álvarez.
Termatalia conta co Selo de Internacionalidade concedido polo Ministerio de Economía e Competitividade do Goberno de España e durante a súa última edición, celebrada en Arxentina en outubro de 2014, conseguiu a declaración de Interese Turístico do Goberno Arxentino e a de Interese Parlamentario por parte da Cámara de Deputados deste país. Durante a edición de 2012, celebrada en Perú, a feira conseguiu tamén o recoñecemento de Feira Internacional por parte de Ministerio de Relacións Exteriores do Goberno de Perú e tamén o de “Evento Turístico Nacional” por parte do Ministerio de Comercio Exterior e Turismo.
Arxentina participará como país convidado en Termatalia 2015, que se celebrará en Ourense entre o 24 e o 26 de setembro e xa está confirmada a presenza do ministro de Turismo arxentino. Arxentina e América Latina continuarán tendo un papel destacado en 2015. Ademais, a celebración da feira en Ourense permitirá aos visitantes coñecer, nun radio aproximado de 100 quilómetros, distintos tipos de centros termais, de talasoterapia e spa, tanto de Galicia como de Portugal. Arxentina continuará exercendo o seu papel protagonista e participará na próxima edición en calidade de país invitado presentando os seus recursos termais ante profesionais dunha vintena de países.











