O quinteto Néboa presenta en Vilagarcía o seu disco “Antes da tormenta”
O Salón García volve a ser o escenario elixido por un grupo novel para presentarse en sociedade en Vilagarcía. O venres será o día no que a emblemática sala acolla ao grupo Néboa que presentarán o seu primeiro disco “Antes da tormenta” cun concerto que comezará ás 21:00 horas. A formación compóñena músicos de Vilagarcía, Catoira e Santiago que exploran todo tipo de ritmos para crear io seu propio estilo.
Néboa son Aloia López (voz e coros), Miguel Fernández (batería, rhodes e sintetizadores), Jacobo García (Baixo, sintetizadores e kaossilator), Tomás Porteiro (guitarra eléctrica e coros) e Lucas M. Suárez de Centi (vibráfono, batería e rhodes). O quinteto leva traballando xuntos algo máis de dous anos e despois de buscar o punto intermedio entre as músicas que máis lles gustan (trip-hop, blues, jazz ou pop), presentan o seu primeiro disco “Antes da tormenta”, un traballo no que reúnen as cancións que máis se asemellan ao son propio e persoal que andaban buscando.
O título do disco responde á sensación que a estes cinco músicos lles produce tocar xuntos. Trátase de música contida e introspectiva, en calma pero alerta, disposta a desencadear en calquera momento os relámpagos e a choiva. Os integrantes de Néboa explican que o disco preséntase como nos compases antes de que a tormenta estoupe, sumido primeiro nunha misteriosa calma que vai evolucionando ata desencadear a treboada final e o diluvio que representa a muiñeira “Unha palabra túa”.
Colaboracións
“Antes da tormenta” gravouse o pasado verán nos estudios Litium de Pontevedra. A portada do disco e o deseño do álbum corren a cargo do artista vilagarcián Pablo M;oledo. Entre outros colaboradores, “Néboa” contou coa participación doutros músicos como Sandra Pérez (pandeiro e caixa), Pablo patiño (contrabaixo) e Brais Ruibal (efectos).
As entradas para asistir ao concerto do venres e escoltar en directo a este prometedor quinteto custan 3 euros e poderán comprarse o mesmo venres na casa de Cultura de Vilagarcía a partir das sete da tarde.











