O PSOE de Lugo advirte ás formacións de Lugonovo e BNG de que non cederá a chantaxes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+
Europa Press

O secretario local do PSOE de Lugo, Luis Álvarez, sostivo que o seu partido non cederá ante as “chantaxes” de Lugonovo e BNG, que se negan a apoiar a investidura do candidato socialista á reelección, Xosé López Orozco, por estar imputado xudicialmente. Así mesmo, asegurou que o futuro do rexedor en funcións non está no Senado.

“Non imos ceder a chantaxes”, sentenciou, ao ser preguntado este mércores, tras a xunta de voceiros, sobre a condición que manteñen Lugonovo e BNG de que se retire a candidatura de Orozco á alcaldía para avalar a continuidade dun goberno socialista.

“Non imos ceder, porque os políticos facemos política, non somos xuíces, e polo tanto non temos a capacidade para inhabilitar ningún político”, incidiu, para deixar claro que os socialistas non permitirán “a ninguén” que “inhabilite” o seu candidato.

E, cuestionado sobre a posible saída de Orozco ao Senado, resolveu: “evidentemente, non”. Fronte a iso situou o presidente da Xunta e xefe de filas do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo, de quen comentou “que está a buscar acubillo en Madrid”.

3 de xuño de 2015 | 16:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.