O PSdeG pide un acordo da esquerda para que Orozco sexa alcalde
A vicevoceiro parlamentaria do PSdeG, Carmen Gallego, advertiu este luns de que “sobran” as “chantaxes”, de modo que apelou ás distintas forzas da esquerda que lograron representación no Concello de Lugo para que se alcance “un acordo” que permita que o rexedor en funcións, o socialista Xosé López Orozco, “sexa alcalde”.
Preguntada ao respecto en rolda de prensa, ante a negativa de Lugonovo e BNG a apoiar a investidura de Orozco por estar imputado, a deputada socialista insistiu en que “o que teñen que facer as forzas de esquerdas é chegar a un acordo sen poñer vetos a ninguén e sen facer chantaxes a ninguén”.
Dende o seu punto de vista, o que toca é “chegar a acordos sobre o que se quere para o futuro de Lugo” e sobre como se debe “articular o goberno”. Neste punto, puxo de manifesto que existe a posibilidade de que os socialistas lideren a cidade en minoría con apoios puntuais ou de conformar unha coalición.
“Todo o demais sobra: é pouco democrático”, subliñou Carmen Gallego, antes de sentenciar que a actitude do resto de formacións do espectro da esquerda revela “pouco talante democrático”.











