O próximo luns comeza a funcionar en Oleiros o Servizo de Salvamento e Socorrismo
O Servizo de Salvamento e Socorrismo do Concello de Oleiros comezará a funcionar a partir do próximo luns día 15. O operativo inclúe un total de 38 profesionais que forman este equipo multidisciplinar formado por 27 socorristas, 4 patróns de embarcación e 6 sanitarios e 1 supervisor. Este servizo permanecerá operativo a diario no litoral oleirense ata o próximo 15 de setembro desde as 11.00 ata as 20.00 horas.
As praias de Mera e Espiñeiro contarán cun total de 10 efectivos fixos, Bastiagueiro e Santa Cristina con 8 e Santa Cruz e Naval con 5. Ademais realizaranse servizos en lancha pneumática por zonas costeiras e calas menos accesibles en ciclos regulares. Todos os areais mencionados contarán cun punto estable e sinalizado de atención sanitaria.
O mesmo luns día 15, coincidindo co inicio do Servizo de Salvamento e Socorrismo, procederase ao izado das bandeiras azuis nas praias e lugares do municipio que contan con este distintivo de calidade. En distinto horario ao longo da mañá izaranse as bandeiras en Santa Cristina, Bastiagueiro, Mera e Espiñeiro. Tamén se fará no castelo de Santa Cruz e no faro de Mera.