O proxecto Apego chega a Ourense para facilitar a socialización en galego desde o nacemento

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOurense
A-
A+

Apego é afección, inclinación ou amor por algo ou alguén. Apego é vínculo, sintonía, empatía. O Apego é necesario para o desenvolvemento social e emocional. E o apego é fundamental para a lingua. E ante a preocupante situación da adquisición, socialización e uso do galego nas idades máis temperás, doce concellos queren mellorar as cousas a través dun proxecto con ese nome, Apego, que é unha aventura conxunta de amor, arraigo, lingua, orgullo, identidade… Son A Baña, Carballo, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo.

Apego vai dirixido ao contexto familiar e social dos nenos e nenas nos seus primeiros anos de vida (0 a 6) para achegarlle argumentos, facilítalle recursos e procurar a existencia de redes que sosteñan e arroupen o uso do galego. Nese contexto tense en conta o núcleo de crianza na casa e tamén os espazos de socialización como as escolas infantís, as ludotecas ou os parques.

Desde a organización do proxecto elaboráronse unha serie de materiai cos que achegar a información e invitar a que a acollida dos nenos e nenas se faga en galego. Tamén se creou un espazo virtual de información e intercambio que servirá de punto de encontro dos recursos que se poidan ofrecer ás familias que desexen incorporar ou manter o galego. Este espazo www.apego.gal será unha porta aberta á oferta municipal en galego para estas idades mais tamén o quere ser ás iniciativas sociais de calquera tipo que concorden cos obxectivos do Apego.

A través da web, as familias interesadas poden sumarse á comunidade do Apego para recibiren de xeito máis directo a información e o apoio. E tamén se poderán sumar grazas á campaña informativa que se distribúe na rede sanitaria e que os invita a achegárense ao servizo de normalización para recoller os agasallos de benvida. Estes agasallos están deseñados para dous momentos -unha caixa que se entrega ás nais xestantes e un CD cunha selección musical que poderán recoller no momento en que o neno ou nena estea empadroado- e cun obxectivo: contribuír a que as familias teñan unha visión positiva da nosa lingua e se animen a transmitila.

Ademais destes materiais, que queren estar presentes durante os primeiros anos da crianza, iranse organizando accións de intercambio e socialización coas que enriquecer o uso da lingua, crear ou manter redes colaborativas e apoiar o labor das familias.

9 de xuño de 2015 | 17:54 • Sen comentarios

Comentarios pechados.