O proceso de integración dos laboratorios incrementa a súa eficiencia e seguridade

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaPontevedra
A-
A+
Rocío Mosquera na visita ao novo laboratorio

Rocío Mosquera na visita ao novo laboratorio

A conselleira de Sanidade, Rocío Mosquera, destacou hoxe en Pontevedra que o proceso de integración dos laboratorios que se leva a cabo nos centros sanitarios galegos “incrementa a súa eficiencia e seguridade e garante a trazabilidade completa das mostras e a redución dos tempos de resposta”.

Neste eido, Mosquera felicitou aos profesionais do laboratorio de Pontevedra polos bos resultados obtidos tras o proceso de reordenación. Máis do 95% das mostras procesadas están listas en menos de 24 horas, entre un 25% e un 35% máis que antes. Ademais, reduciuse un 20% o gasto enerxético e un 87% o de proveedores, conseguindo un aforro interanual do 35%.

A conselleira inaugurou a Xornada sobre Experiencias en Integración de Laboratorios, acompañada polo director xeral de Asistencia Sanitaria, Ramón Ares, e polo xerente da Estructura Organizativa de Xestión Integrada de Pontevedra e O Salnés, José Manuel González, cos que visitou os laboratorios do Complexo Hospitalario de Pontevedra.

O proceso de integración de laboratorios que se realiza no Sistema Nacional de Saúde e en toda Galicia, funciona nas xerencias de Pontevedra e Santiago e en breve farase en Vigo, e “está en liña coas iniciativas máis novidosas e innovadoras do país”.

A reordenación tamén permitíu o desenvolvemento da petición electrónica e dun sistema de información integrado.

Laboratorio público

Para a dotación deste laboratorio público empregouse o modelo de contrato de socio tecnolóxico, modelo recollido na Lei de Contratos do Estado. Esta iniciativa ten como obxecto dotar ao Sergas da tecnoloxía necesaria para aumentar a calidade asistencial, mellorar a dispoñibilidade de equipamento e atender de forma máis eficiente á demanda de realización de probas diagnósticas e procedementos terapéuticos que empregan estas tecnoloxías.

A conselleira agradeceu aos profesionais dos laboratorios o seu traballo ante un proceso complexo polas dificultades organizativas de integrar distintas especialidades, Bioquímica e Análises Clínicas, Hematoloxía e Microbioloxía, nun sistema único, permitindo “un diagnóstico máis áxil e eficiente”. Así mesmo, felicitou á Xerencia de Pontevedra por xestionar o proceso de xeito efectivo e polo “seu compromiso cos nosos pacientes, núcleo do sistema”.

17 de xuño de 2015 | 19:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.