O presidente da Xunta participou no acto conmemorativo do XX aniversario de ASEMACO

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaVigo
A-
A+
Feijóo no aniversario de Asemaco

Feijóo no aniversario de Asemaco

O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, avogou hoxe, durante o acto conmemorativo do XX aniversario de ASEMACO, por seguir profundando na cooperación entre as administracións e o sector da construción para protexer o dereito á vivenda, poñer en valor o territorio e impulsar o crecemento da nosa economía.

Como proba desta colaboración, Feijóo lembrou, a modo de exemplo, que proxectos en marcha como a Estratexia da Paisaxe ou a nova Lei do Solo en tramitación, requiren da imprescindible complicidade do sector para acadar o ambicioso obxectivo de protexer e poñer en valor o noso territorio. “E, no camiño de garantir que todas as familias galegas teñan acceso a un fogar, as administracións públicas e os empresarios da construción tamén debemos avanzar da man”, engadiu, logo de incidir na forte capacidade do sector para xerar riqueza e emprego e contribuír, dese xeito, á necesaria dinamización económica.

Atendendo a ese triplo aspecto, Feijóo subliñou que a Xunta de Galicia está xa a converter en feitos concretos o Plan de Vivenda, “o primeiro que se deseña na autonomía, que define, conforme a criterios sociais, territoriais e económicos, as políticas públicas nesa materia”.

Neste contexto, o titular do Executivo galego expresou o seu convencemento de que as empresas de materiais para a construción sentirán “máis pronto que tarde” os efectos dunha planificación que prevé un investimento de 600 millóns de euros ata 2020 e a creación ou mantemento de máis de 26.000 empregos entre directos e indirectos. “Porque o noso obxectivo, ademais de garantir o acceso a un fogar ás persoas e familias con máis dificultades para facelo, tamén é contribuír a esa fortaleza económica que anhelamos”, incidiu.

Así mesmo, precisou que un dos eixes fundamentais dese plan, que absorbe case a metade do investimento previsto, é a rehabilitación de vivendas: “Unha aposta que permite recuperar o patrimonio construído para poñelo ao servizo das necesidades sociais en materia de vivenda e que, ao mesmo tempo, proporciona alternativas ao sector”.

Para conciliar ambas as necesidades, Feijóo subliñou que están xa activados os mecanismos que permitirán destinar máis de 134 millóns de euros de fondos públicos á ese fin, a través das áreas de rehabilitación integral nas que Galicia se ten convertido nun referente estatal. E recordou que, mentres cada millón de euros investido na construción dunha obra nova implica 35 postos de traballo, “cada millón de euros dedicado á rehabilitación xera 56 empregos”.

Nese sentido, anunciou que o Igape vén de aprobar unha liña de axudas para a compra de materiais destinados á reforma de cociñas e cuartos de baño de particulares. Estas subvencións teñen como obxectivo axudar as familias, así como impulsar o sector, destacou.

O titular da Xunta concluíu a súa intervención reiterando o compromiso do Goberno galego para conseguir que os efectos da recuperación que se abre se fagan notar en todos os fogares e en todos os sectores da poboación galega. E destacando, tamén, a aposta por un crecemento conforme a un modelo racional, sostible no tempo e altamente competitivo.

25 de xuño de 2015 | 22:11 • Sen comentarios

Comentarios pechados.