O Porto de Vigo recibe unha nova escala do ‘Anthem of the Seas’
O Porto de Vigo recibirá hoxe unha nova escala do coloso ‘Anthem of the Seas’. Será a terceira vez que esta xigante atracada na Estación Marítima viguesa, tras a tripla escala protagonizada o pasado sábado, na que compartiu peirao co ‘Ventura’ e o ‘Ocean Majesty’, deixando na cidade a máis de 10.000 persoas nun só día.
O buque, pertencente á naviera ‘Royal Caribbean’, chegou ás 09.00 horas procedente de Southampton con preto de 6.000 persoas a bordo -4.301 pasaxeiros e 1.566 tripulantes- de ata 50 nacionalidades distintas, na súa maioría británicos (-3.175 pax.-) e ás 17.00 horas porá rumbo a Agadir (Marrocos).
Con 350 metros de eslora e 40,8 metros de manga, o barco, que protagonizará un total de dez escalas no Porto olívico ao longo desta tempada, conta con 16 cubertas e un rexistro bruto de 167.800 toneladas.
O ‘Anthem of the Seas’ pertence á nova ‘Clase Quantum’ e está considerado como o barco do futuro, ademais de ostentar o segundo posto entre os cruceiros máis grandes do mundo. Conta con grandes novidades, como o primeiro simulador de paracaidismo en alta mar, un guindastre atalaia que transporta aos pasaxeiros a máis de 90 metros de altura e desde onde poden gozar das mellores vistas, as zonas de lecer máis vangardistas, que inclúen os complexos de deporte e entretemento cubertos máis grandes en alta mar con coches de choque, patinaxe e moito máis.
Ademais, dispón dos camarotes máis grandes e modernos de toda a historia de ‘Royal Caribbean’, que inclúen os primeiros balcóns virtuais da industria. Así mesmo, os pasaxeiros poderán gozar da extensa variedade gastronómica dos seus 18 restaurantes, dos seus shows e os seus espectáculos no ‘Music Hall’, ‘Royal Theater’, e a ‘Royal Esplanade’.
Primeira escala mundial
Pero se por algo destaca o ‘Anthem of the Seas’ é por escoller Vigo como primeiro porto do mundo onde fixo escala o buque, tras a súa inauguración hai escasas semanas en Gran Bretaña. O Presidente e Director Executivo de ‘Royal Caribbean Cruises’, Richard D. Fain, recibiu oficialmente o novo barco por parte do socio director do estaleiro Meyer Werft nunha cerimonia celebrada o pasado día 10 de abril en Bremerhaven (Alemaña).
Así, o ‘Anthem of the Seas’ pasou oficialmente a formar parte da flota de Royal Caribbean, que suma xa un total de 23 barcos. Terá a súa base en Southampton (Reino Unido) atao mes de outubro, desde onde visitará o Mediterráneo e as Illas Canarias. No mes de novembro, trasladarase a Nova York. Cape Liberty será o seu porto base, desde onde realizará cruceiros regularmente ás Bermudas, o Caribe e Canadá e Nova Inglaterra.
O barco foi inaugurado en Southampton o pasado 20 de abril, e a súa madriña, a axente de viaxes Emma Wilby, foi a encargada de bautizalo nun evento ao que asistiron ao redor de 1.300 persoas de todo o mundo.
O ‘Anthem of the Seas’ visitará o Porto de Vigo ata en dez ocasións ao longo desta tempada, deixando en Vigo a, aproximadamente, 55.000 persoas, o que reforza, sen dúbida, a posición de Vigo como porto de referencia para as navieras e consolida o liderado que, desde hai anos, exerce a dársena olívica no Norte de España en canto a número de cruceristas.











