O porto de Vigo estrea unha nova conexión marítima con México
Desde hoxe xoves, o Porto de Vigo contará cunha nova conexión marítima con México. Trátase dun novo servizo que nace froito do acordo entre a naviera holandesa ‘Höegh Autoliners’ e GEFCO, operador loxístico de PSA Peugeot Citroën. Con motivo desta nova conexión marítima, o Presidente da Autoridade Portuaria de Vigo, Ignacio López-Chaves, desprazouse esta mañá ata a Terminal de Transbordadores de Bouzas, onde supervisou a operativa de embarque dos máis de 500 vehículos a bordo do ‘Höegh Singapore’, en escala inaugural na dársena viguesa, e tras o que participou no tradicional intercambio de metopas co Capitán do buque, xunto a representantes de Gefco e ‘Hoëgh Autoliners’.
Segundo explicou o máximo responsable portuario, hoxe embarcarase un importante número de vehículos -en total, 506 unidades- fabricados precisamente no centro vigués de PSA Peugeot Citröen. Trátase de vehículos dos modelos Elysée, C4 Picasso e a furgoneta Berlingo, así como os Peugeot 301 e Partner.
Para López-Chaves este novo servizo é “unha moi boa noticia para Vigo e o seu Porto e tamén para Galicia”, xa que se trata dunha liña transoceánica directa desde Vigo a México que cualificou de “moi importante” non só para a exportación de vehículos, senón tamén para todo o sector da automoción que terán unha ponte directa con México. “É unha magnífica noticia e será un punto de partida para seguir crecendo en novas liñas”, confesou.
Así, o máximo responsable portuario asegurou que esta nova conexión marítima con México “é froito do traballo de promoción que estamos a levar a cabo desde a Autoridade Portuaria de Vigo, de buscar novas liñas, novos destinos e novos tráficos”, o que suporá “un importante incremento nos movementos de exportación e importación no Porto de Vigo”.
Ilusionados co novo servizo
Pola súa banda, o responsable da naviera en España, Iñaki Echeverría, mostrouse “ilusionado” con este novo servizo, xa que “Vigo é a porta do Norte de España e do Norte de Portugal. Este mercado merecíao. Xa era hora de que apostásemos por el, que ofrecésemos un servizo regular e fixo desde o Porto de Vigo”.
Sobre a posibilidade de aumentar as frecuencias desde Vigo –en principio terá unha frecuencia mensual-, Echeverría asegurou que a intención da naviera á que representa é a de crecer, polo que non descartou aumentar a frecuencia ata unha segunda escala “se existe demanda por parte do mercado”. Para o responsable da naviera, “Vigo está moi ben situado xeograficamente e é moi fácil incorporalo aos servizos que prestamos, polo que estamos dispostos a calquera aventura que nos propoña Gefco”, declarou.
Así mesmo, o Presidente do Grupo Davila, Eduardo Davila, explicou que o Grupo que preside representa á naviera ‘Höegh Autoliners’ desde fai 36 anos e “falar do Porto de Vigo tamén é historia, xa que levamos 100 anos aquí. Conxugar ambas as cousas non só é unha honra para nós senón que tamén é un sentimento profundo, de agradecemento á naviera e de orgullo”, afirmou.
En canto ao futuro deste servizo, Davila apuntou que ‘Höegh Autoliners’ “sempre está en punta de lanza” e aínda que evitou desvelar cales son as súas actividades comerciais, si asegurou que son “intensas” e, neste sentido, mostrouse “convencido” de que este servizo “progresará como xa o fixo noutros portos”.
Conexión directa e regular
Esta nova conexión marítima terá unha frecuencia mensual, integrando desta maneira o Porto de Vigo no servizo EUCA (Europa/Caribe), o que suporá unha conexión directa e regular, para cargas rodadas, pero tamén estáticas e de proxecto sobre rolltrailers, co Caribe, México e a Costa Este de Estados Unidos.
A importancia desta nova ruta radica en que México é un mercado potencial ao que, desde hoxe mesmo, poderán acceder máis facilmente os exportadores do noroeste de España e o norte de Portugal que queiran enviar as súas mercadorías alén do Atlántico, a través desta nova liña.
A travesía entre Vigo e México terá un tempo estimado de 19 días de navegación e funcionará cunha frecuencia mensual rotada por tres buques: o ‘Höegh Singapore’, o ‘Höegh Beijing’ e o ‘Höegh Maputo’, con capacidade para transportar ata 4.500 vehículos. Dispoñen, ademais, dunha cuberta principal con 5,3 metros de altura e unha capacidade de rampla de 120 toneladas, o que unido á flota de roll trailers de 20′, 40′, 62′, 72′ e 80′ de ‘Höegh Autoliners’, sitúa as posibilidades moito mais alá da carga rodada.
Tras embarcar en Vigo, a ruta continúa por Tánxer (Marrocos), as illas caribeñas de Guadalupe e Martinica, a mexicana de Veracruz, os portos estadounidenses de Jacksonville e Baltimore e Bremerhaven (Alemaña).
A escala en Tánxer é especialmente importante para a naviera, xa que desde este porto marroquí ‘Höegh Autoliners’ achegará aos clientes da área a conexión con Sudáfrica, Mozambique e Océano Índico, Australia e Nova Zelandia.
‘Höegh Autoliners’ lidera a nivel mundial o transporte e a loxística de carga rodada. A flota da armadora componse de máis de medio centenar de buques e conta cunha trintena de oficinas propias distribuídas por todo o mundo, así como unha ampla rede de axencias colaboradoras. Entre os servizos que prestan, destaca o transporte de automóbiles novos e maquinaria pesada, así como doutros bens móbiles; o transporte de carga sobredimensionada e carga de proxecto (rodante e estática); e o de carga rodante e de proxecto. En España, opera nos portos de Santander e Sagunto.











