O pleno do Consello Regulador da D.O. Rías Baixas cualifica a anada 2014 como boa
O Pleno do Consello Regulador da Denominación de Orixe Protexida Rías Baixas cualificou como “Boa” a Anada 2014. Así o desvelou esta mañá o presidente do Consello Regulador, Juan Gil de Araujo, durante un acto promocional dos viños desta denominación celebrado en Madrid. Gil de Araujo explicou como “a meteoroloxía de influencia atlántica condiciona ano tras ano a calidade, o estilo e tamén o volume das colleitas de Rías Baixas, e como a experiencia e sabedoría dos adegueiros e enólogos permítelles aproveitar as dificultades desta meteoroloxía para sacar á luz, cada ano, o mellor das nosas variedades autóctonas: a súa frescura, a súa mineralidade e a súa elegancia”.
Desde o Panel de Cata do Consello Regulador coinciden en sinalar que os viños da Anada 2014 experimentan unha mellora substancial a medida que pasa o tempo e a súa estadía en botella.
A valoración da Anada é unha das funcións que a lexislación galega delega no Pleno do Consello Regulador. No caso de Rías Baixas, o acordo que adopta o órgano reitor susténtase no informe técnico redactado polo Órgano de Control e Certificación do Consello Regulador, responsable da acreditación dos viños, o cal xustifica a súa decisión nas adversas condicións meteorolóxicas rexistradas ao longo de todo o pasado ano e que dificultaron o ciclo vexetativo da planta. “As baixas temperaturas e as abundantes choivas condicionaron tanto a maduración da uva como o seu equilibrio organoléptico”, especifica o informe técnico.
Juan Gil de Araujo indicou que a cualificación da Anada 2014 como “Boa” demostra que “esta decisión está avalada por unha rigorosa política de calidade, o que garante que as valoracións sexan “o máis obxectivas posible”. O informe tamén detalla que a 31 de maio de 2015 verificáronse 7.015.151 litros, o que supón un 43,33% do total de viño elaborado. Hai que lembrar que o volume da colleita 2014 ascende a 16.187.622 litros.
Pola súa banda, desde o Panel de Cata indican que “un ano así, o traballo en adega é clave para resaltar as virtudes das nosas variedades” e coinciden en que a Anada 2014 “é dunha calidade global correcta”.
Condicións meteorolóxicas adversas
O tempo en 2014 foi en España extremadamente complicado para a viticultura. En concreto, en Rías Baixas o ciclo vexetativo estivo marcado “por menos horas de frío no inverno e unha maior pluviometría, especialmente durante a primavera e últimos días do verán”. Estas circunstancias “condicionaron a brotación e o índice de fertilidade do viñedo”, inferiores aos do ano precedente e, ademais, dificultaron as tarefas de vendima.











