publicidade hoxe

O pleno de San Sadurniño aproba a entrada nas mesas de contratación dos grupos da oposición

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

O primeiro pleno municipal trala toma de posesión da nova corporación serviu para dispoñer o funcionamento da institución durante os próximos catro anos. A periodicidade das sesións, dar conta da composición do goberno e a constitución da Xunta de goberno local, as comisións e outros asuntos foron tratados polos tres grupos con representación municipal e con unanimidade no acordo de 8 dos 11 puntos que compoñían a orde do día. A organización municipal queda practicamente como estaban, salvo pola nova denominación de concellarías e polo feito de que o grupo de goberno lle deu entrada na Mesa de contratación aos portavoces do PP e do PSdeG-PSOE.

Os dous primeiros puntos tratáronse en pouco menos dun minuto xa que só se trataba de aprobar a acta da sesión anterior e a información sobre a constitución dos grupos municipais. Foi o terceiro punto, o da periodicidade dos plenos ordinarios, o que arrancou o debate. A proposta do equipo de goberno foi a de mantelos como nos últimos oito anos, é dicir, os primeiros sábados dos meses impares a menos que sexa festivo. 

O portavoz popular, Manuel Romero Castrillón expuxo a súa disconformidade coa proposta e pediu que se trasladasen a un día por semana porque, segundo dixo, “o sábado hai moita xente que aproveita para facer cousas, porque teñen nenos ou ir de compras…”. Unha petición secundada polo edil socialista, Eduardo Lourido, aínda que neste caso aducindo que no seu caso élle “complicado” por cuestións laborais acudir ás sesións os sábados pola mañá. O portavoz do BNG, Suso Soto puntualizou que cambiar a periodicidade suporía “modificar o regulamento orgánico municipal”, onde xa vén establecida a periodicidade plenaria. Secundino García que o debate só se centraba nos plenos con carácter ordinario “dos que hai 6 ao ano e sábese cando van ser de antemán”, unha circunstancia que, a xuízo do alcalde permitiría “programar as cuestións laborais”. O alcalde explicou que a motivación principal de poñer as sesións ordinarias polas mañás é a de “favorecer que poida vir a xente e e que poida participar neles”. Para pechar o debate, García asumiu o compromiso de non convocar os outros plenos, os extraordinarios, os sábados. A cuestión aprobouse cos votos en solitario do BNG e a abstención de PP e PSOE.

Os seguintes dous puntos non xeraron debate de ningún tipo. Acordouse crear as comisións informativas permanentes de Facenda e especial de contas e maila de Asuntos do pleno. E neste punto tamén se introduciu a novidade de incorporar ás mesas de contratación “con voz pero sen voto” aos portavoces dos grupos da oposición. Saiu adiante por unanimidade, igual que o nomeamento de Sabela Íñiguez como representante municipal no Consello escolar do CPI.

No punto seis déuselle conta á corporación de como quedou configurado o goberno local e quen asumirá as tenencias da alcaldía. De Cultura, Deportes, Ensino e Mocidade faise cargo Sabela Íñiguez; Manolo Varela -1º tenente de alcalde- asume Desenvolvemento local, Participación veciñal e Xestión interna; Servizos municipais e Medio Ambiente serán responsabilidade de Amparo Calvo que, ademais, será a 2ª tenenta de alcalde; Suso Soto, que xa levaba Facenda, asume agora tamén Servizos sociais; Ana Belén Breijo continuará á fronte de Igualdade como concellaría única e, por último, Manuel Beceiro Couce -3º tenente de alcalde- levará a área de Obras e xestión territorial. 

O debate volveu ao salón de plenos cando tocou falar da Xunta de Goberno Local, que estará composta polo alcalde e polos tres tenentes. Haberá tres ao mes e os membros -menos o alcalde- percibirán 600 euros por asistir a elas. Unha contía cualificada como “excesiva” por Manuel Romero, quen suxeriu que as indemnizacións se equiparasen aos 60 euros dos plenos e que só se celebrasen dúas xuntas no mes. Suso Soto replicoulle que nin el nin o seu grupo se ían “pregar a debates que non teñan nada que ver con prestar servizos á xente”, aclarándolle ao portavoz do PP que as retribucións asignadas non responden unicamente á asistencia, senón que están sustentadas por “un traballo previo con visitas a veciños, a entidades e xuntanzas” que cómpre facer “antes de tomar decisións (na Xunta de Goberno Local)”. O portavoz do BNG manifestou que as contías “son as mesmas dos últimos oito anos” e asegurou, ademais, que “non suplen os gastos” que lle supón aos membros da XGL o desempeño das súas funcións. O debate finalizou coa intervención do alcalde, quen recordou que en 2007 o custe dos órganos municipais “ascendía a 81.400 euros” e que co cambio de goberno esa cifra “baixouse en 11.000 euros e desde aquela está conxelada”. O punto saiu adiante cos votos favorables do BNG, o voto contrario do PP e a abstención do PSOE.

A partir deste punto todo foi unanimidade. Así, os edís e edilas do BNG, do PP e do PSOE votaron a favor da delegación de competencias do pleno na Xunta de Goberno Local e das adicacións parciais: o alcalde percibirá 1.200 euros brutos mensuais mentres que as concelleiras de Cultura e Igualdade percibirán 600 euros brutos cada unha. Por último o pleno deulle o visto e prace á continuidade como tesoureiro de Ángel Barro e a que, a partir de agora, se poida convocar e notificar aos membros da corporación por correo electrónico. 

26 de xuño de 2015 | 20:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.