publicidade hoxe

O pleno de Cervo aprobará este luns a asignación das delegacións aos concelleiros do grupo de goberno

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCervo
A-
A+

A corporación municipal de Cervo celebrará este luns (20 h.) o primeiro pleno do novo mandato despois da sesión de constitución. Nel abordaranse temas organizativos do Concello o do pleno, como é o caso do reparto das áreas de goberno e as retribucións dos concelleiros.

A proposta do executivo é nomear ao alcalde, Alfonso Villares, como coordinador das diferentes delegacións, para o que contará cunha dedicación exclusiva e percibirá 39.841,20 euros ao ano. En canto aos edís, Manuela Martínez Álvarez será a responsable de Medio Ambiente, Emprego, Turismo e Sanidade, dispoñendo dunha dedicación parcial de 11.690,04 euros anuais. 

Dolores García Caramés encargarase das áreas de Educación, Cultura, Xuventude e Facenda, cunha dedicación parcial de 11.690,04 euros. A delegación de Deportes, Protección Civil e Seguridade Cidadá será para José Ramón Soto Martínez, cunha dedicación parcial de 6.311,76 euros. 

Por outra banda Plácido Pérez Otero ocuparase de Obras e Infraestruturas, e Medio Rural, mentres e Pilar Armada Carrete xestionará as áreas de Servizos Sociais e Igualdade, non dispoñendo ningún dos dous de dedicación. 

Unha asignación de delegacións realizada tendo en conta a formación dos seus responsables ou a experiencia na xestión desas áreas en mandatos anteriores. Ademais, na agrupación de responsabilidades tívose en conta a relación entre as diferentes áreas, como é o caso do Medio Ambiente, o Turismo e o Emprego, “que para o goberno de Cervo sempre foron campos cun estreito vínculo entre si, polo que resulta moi efectivo que a súa xestión estea nas mans dunha mesma persoa, para traballar de xeito global e complementario” explica Villares. O mesmo ocorre con Educación, Cultura e Xuventude. 

Gasto político conxelado

Nesta nova lexislatura mantense o mesmo número de dedicacións que na anterior, a exclusiva do alcalde máis tres parciais, atendendo á carga de traballo e ás áreas de cada concelleiro. Cabe destacar que o custo das dedicacións tampouco subirá neste mandato, manténdose o de hai catro anos. Desta maneira, o gasto total das 4 dedicacións será de 69.533,04 euros anuais.   

De feito, no 2010 o goberno realizara unha baixada do salario do alcalde e doutras dedicacións que supuxo un aforro anual de 3.807,02 euros e, dende entón, o gasto total das retribucións quedou conxelado. 

Xunta de Goberno

Un pleno no que tamén se designarán aos membros da Xunta de Goberno Local. Así, José Manuel Balseiro Orol será primeiro tenente de alcalde, Plácido Pérez será segundo e Pilar Armada terceira tenente de alcalde e, polo tanto, os compoñentes da XGL xunto ao rexedor.

Tamén se aprobarán as retribucións por asistencia a órganos colexiados, como á Xunta de Goberno (150 euros por sesión) e ao pleno (20 euros/sesión), manténdose os importes ao igual que no anterior mandato. 

26 de xuño de 2015 | 18:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.