O observatorio de Custos do Transporte por Mercadorías porase en marcha a finais deste verán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaOurenseOurense
A-
A+
Ethel Vázquez na visita a Nortrans

Ethel Vázquez na visita a Nortrans

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, activará a finais deste verán o Observatorio de Custos do Transporte por Mercadorías, que permitirá poñer a disposición das empresas unha ferramenta para unha mellor administración e coñecemento dos seus custos de explotación. A conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Infraestruturas, Ethel Vázquez, avanzou esta mañá a posta en marcha desta aplicación na inauguración do 10º Salón do transporte e da loxística (Nortrans), onde estivo acompañada do alcalde de Ourense, Jesús Vázquez, e o delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez.

A conselleira destacou que os os esforzos da Xunta para mellorar a competitividade do transporte de mercadorías tamén quedaron reflectidos nos orzamentos de 2015, xa que por primeira vez se introduce o dereito á devolución do treito autonómico do imposto sobre hidrocarburos, tamén coñecido como céntimo sanitario; unha decisión que incide positivamente na economía das empresas.

No eido do transporte de viaxeiros, as actuacións prioritarias céntranse no fomento da intermodalidade nas infraestruturas de transporte e o avance na implantación do Plan de Transporte Metropolitano que, despois da implantación do mesmo en 12 concellos da área de Vigo, se pretende continuar pola cidade de Ourense, co obxectivo de que os cidadáns poidan gozar das vantaxes e dos descontos no transporte público.

Paralelamente, traballase na consecución da intermodalidade nas distintas cidades galegas, para o que se disporán fondos Feder do novo período 2014-2020 que permitirán mobilizar un total de 34 millóns en investimentos destinados á execución das estacións de autobuses integradas coas de ferrocarril. Neste eido, xa se teñen dado pasos, como o feito de ter iniciado o proceso de contratación da redacción do proxecto da estación intermodal de Vigo; recentemente se adxudicaron os estudos das necesidades para a integración das estacións de autobuses de Santiago e da Coruña nas futuras intermodais; e no caso concreto de Ourense, no pasado mes de maio licitouse a contratación dos estudos previos da terminal de autobuses integrada na estación intermodal.

A conselleira salientou que outra das melloras para o sector na que se está a traballar é o Sistema de Axuda á Explotación, que potenciará a demanda de transporte público de viaxeiros, mellorando a súa prestación e facilitando, a través de ferramentas web, información valiosa para a cidadanía. A previsión do Goberno galego é que este sistema estea operativo no vindeiro ano.

Plataformas loxísticas

Vázquez Mourelle tamén destacou a situación estratéxica de Galicia que a converte na plataforma loxística do sur de Europa, grazas ás plataformas loxísticas con boas conexións por terra (autovías e ferrocarril), por mar (cinco portos de interese xeral e máis de 120 de ámbito autonómico) e por aire (con tres aeroportos internacionais). Un papel que o Goberno galego pretende reforzar con preto de cinco millóns de metros cadrados de novas áreas loxísticas intermodais, como son a Central de Transportes de San Cibrao das Viñas, enclave loxístico e estratéxico situado a escasos 10 quilómetros de Ourense; a Plataforma Loxística Salvaterra-As Neves, que se desbloqueou grazas á colaboración entre Zona Franca, Porto de Vigo e Xunta, e a Plataforma Loxística de Monforte de Lemos.

Todos estes factores unidos á posición estratéxica de Galicia no Arco atlántico europeo fan da Comunidade galega unha terra con grandes oportunidades que non se deben desperdiciar. Nese sentido, salientou a organización deste foro de debate internacional, que durante dous días converterá á Galicia en punto de encontro e referente obrigado para os profesionais do sector do transporte de mercadorías e viaxeiros.

26 de xuño de 2015 | 17:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.