publicidade hoxe

O novo cinema galego, o ciclismo e o kickboxing protagonizaron “Venres en Sansa!”

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Sesión de Kickboxing

Sesión de Kickboxing

Esta fin de se mana foi intensa en canto a actividade en San Sadurniño. Tivemos a toma de posesión da corporación, houbo ximnasia rítmica e bicicleta por partida dobre. E é que o programa de lecer alternativo para a mocidade “Venres en Sansa!” ofreceu entre as súas actividades unha ruta ciclista nocturna que para moitos e moitas foi un adianto da Roda cicloturista do domingo pola mañá, dirixida neste caso a toda a familia.

Porén, dentro do programa xuvenil do venres á noite houbo máis propostas. A primeira delas foi a proxección do filme “Os Fenómenos”, dirixido polo “chanfaineiro” Alfonso Zarauza. Tanto el como o director de fotografía, Alberte Branco -con quen tamén fixo “A Viaxe dos Chévere” e “Encallados”- estiveron en San Sadurniño para presentar a película. Un exemplo dese novo cinema que se fai en Galicia coa mirada posta, desta vez, na crise. Os Fenómenos ten o mérito -á parte do creativo- de estar funcionando ben en salas comerciais e en festivais internacionais, onde xa foi merecedora de varios premios. 

Zarauza e Díaz introduciron o filme, deixaron que a xente o vise e despois intercambiaron impresións con ela falando, entre outras cuestións, do xeito en que se transmiten sensacións a través da cor e das texturas ou das eivas da política audiovisual galega. Os dous louvaron iniciativas coma o Chanfaina Lab promovido por Manolo González coa colaboración do Concello de San Sadurniño e mostraron o seu interese por participar nel de novo. Ademais, mesmo é posible que a súa próxima película -na que andan xa traballando- teña algunha localización pola zona.

Á mesma hora en que se proxectaba “Os Fenómenos” na Casa da Cultura, o pavillón do CPI acollía un obradoiro de kickboxing e defensa persoal no que os rapaces e rapazas participantes suaron firme. Empezaron con suavidade aprendendo os movementos básicos, nos que se empregan os puños, as pernas, a cintura e, sobre todo, os reflexos. O kickboxing é un deporte de contacto de orixe xaponesa -a variante americana é o full-contact– que mestura técnicas de distintas artes marciais, coma o karate ou o boxeo tailandés.

A segunda parte da noite estivo ocupada pola cociña -cun obradoiro en que os mozos e mozas asistentes prepararon calabacíns recheos, gazpacho e biscoito de iogur- e polo ciclismo. Biela e Chaveta encargouse de trazar unha ruta nocturna polos arredores do centro de San Sadurniño combinando terra e asfalto e cunha dificultade media. 

Foi o aperitivo da Roda cicloturista que partiu o domingo pouco despois das 11 da mañá de diante do colexio público, aínda que neste caso cunha dificultade baixa e sen restricións de idade. A roda fixo todo o camiño sobre asfalto dando unha volta por San Sadurniño para despois tirar cara á Ferreira ata completar arredor de 13 quilómetros que grandes e pequenos fixeron sen maior complicación.

Éxito do primeiro torneo de ximnasia rítmica da Asociación Brío

Papás, mamás, directiva, profesoras e mesmo nenos e nenas traballaron duramente nos últimos días para ter a punto este domingo o I Torneo de ximnasia rítmitca Brío. E o seu esforzo valeu a pena, posto que o encontro celebrado no pavillón municipal foi un éxito, tanto polo público como polo espectáculo que se puido ver. Ademais, o equipo organizador subiu varias veces ao podio en grupos e en individuais. O obxectivo principal do torneo foi o de promocionar o baile e a rítmica. Unha promoción coa que aínda van continuar hoxe, mañá e o día de Santa Isabel no marco das festas patronais.

A asociación Brío é unha das entidades máis novas do concello e tamén unha das máis puxantes. Logo de dúas temporadas colleitando éxitos por Galicia adiante botáronse para adiante e decidiron organizar un torneo no que participaron arredor dun centenar de nenos e nenas desde as categorías prebenxamín até alevín. A cita comezou pouco despois das 11.30h. cunha exhibición que lle deu paso á actuación de conxuntos na que o equipo alevín de Brío conseguiu a segunda posición.

Tras un pequeno descanso e unha exhibición das infantís chegadas das Pontes e dunhas pequenas carapuchiñas de Brío, comezou a fase de individuais, onde o clube local subiu ao podio nas tres categorías: prebenxamín -3º posto para Aroa Chao-, benxamín -co 1º posto para Mateo Couce e o 2º para Irene Arroyo- e alevín, onde Brío estivo a piques de facer pleno. Tivo que conformarse, porén, co fantástico 2º posto de Noelia Fernández e o 3º de Lucía, a maior das irmás Chao Picos.

O torneo rematou co desfile final e a entrega de trofeos, que reservaba medallas para todos os nenos e nenas participantes e varios detalles para persoas que contribuíron especialmente á organización do evento.

O I Torneo de ximnasia rítmica Brío clausurouse preto das 14.00h. deixando un bo sabor de boca entre o público e os equipos participantes. Foi a estrea da entidade como anfitrioa dunha competición e un capítulo máis do seu labor de promoción tanto da ximnasia rítmica como do baile moderno. Un labor que non para aquí, senón que continúa mañá martes cunha clase aberta e gratuíta no pavillón entre as 16 e as 18h. A experiencia repetirase co mesmo horario o 3 de xullo, día de Santa Isabel, na praza do antigo Concello. Ese mesmo día a partir das 19.00h. ofrecerán no mesmo lugar unha exhibición de peche da temporada.

15 de xuño de 2015 | 19:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.