O Ministerio de Medio Ambiente inviste 530.000 euros na mellora da senda peonil que discorre paralela ao río Louro en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaMos
A-
A+
Inauguración das obras de mellora

Inauguración das obras de mellora

O Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente, a través da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, finalizou os traballos de ordenación da canle e marxes río Louro ao seu paso por Mos (Pontevedra). Esta mañá, o presidente da Confederación Hidrográfica do Miño-Sil, Francisco Marín, o subdelegado do Goberno en Pontevedra, Antonio Coello, e a alcaldesa do municipio, Nidia Arévalo, supervisaron o resultado dos traballos que hoxe mesmo se abren para uso e desfrute dos veciños e visitantes do municipio.

Estas actuacións de mellora ambiental do ámbito dos ríos están incluídas no programa operativo de financiamento con cargo aos Fondos de Desenvolvemento Rexional (FEDER), nas que o Ministerio investiu máis de 530.000 euros, cunha porcentaxe de financiamento do 80% pola CHMS e o 20% restante pola Deputación Provincial de Pontevedra.

Actuacións 

O resultado destes traballos é a mellora da canle e marxes do río Louro e a recuperación da senda fluvial que discorre entre os camiños Noveleda e Da Gata, moi afectados polas sucesivas enchentas que provocaron o arrastre do pavimento e a derruba e socavación das beiras en diversos tramos do río.

Para dar solución á problemática detectada, procedeuse á ordenación da canle mediante unha limpeza selectiva desta, respectando a vexetación de ribeira, todo iso para recuperar, consolidar e previr erosións provocadas polas recorrentes enchentas do río Louro. 

Por outra parte, para estabilizar os taludes máis debilitados, realizáronse técnicas de bioenxeñería procedendo, nas zonas con máis problemas, á execución dun novo dique con bloques de granito e á reconstrución dos muros menos deteriorados. 

En canto á mellora da senda, que abarca un tramo de aproximadamente 2,7km, se procedeu á súa limpeza e roza, preparando o terreo existente para a execución dun novo pavimento de material ecolóxico capaz de soportar a erosión e arrastre de materiais nos momentos de intenso caudal que puidesen provocar inundacións. Como complemento ás actuacións descritas executáronse novos elementos de drenaxe, como elementos de protección da senda contra a forza da auga.

25 de xuño de 2015 | 18:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.