O MGSM reflexiona sobre o estado do dereito á atención no eido da saúde mental
O estado do dereito á atención no ámbito da saúde mental será analizado tanto por profesionais como por persoas afectadas nunha xornada que organiza o Movemento Galego da Saúde Mental mañá sábado 20 de xuño na Facultade de Psicoloxía da Universidade de Santiago de Compostela durante todo o día.
A mesa que reflexionará arredor desta cuestión abordará desde diferentes perspectivas a situación deste dereito asistencial. O médico de familia Pablo Vaamonde García realizará unha intervención na que cuestionará se a sanidade está blindada como un dereito fundamental ou máis ben se está a tratar como un negocio. A consideración xurídica correrá por conta de Fuencisla Ladrón de Cegama Escudero, fiscal da área de Santiago de Compostela, que analizará os tratamentos involuntarios; mentres que o psicólogo clínico Miguel Anxo García Álvarez abordará a cuestión da contención física. Pechará esta primeira mesa Carlos García Lampón, de FEAFES, que exporá o punto de vista de familiares e persoas con enfermidade mental no referente ao estado dos seus dereitos.
Manuel Lago, economista de Comisións Obreiras e profesor de relacións Laborais da Universidade da Coruña, ofrecerá unha conferencia-coloquio na que vai afondar sobre a influencia que pode ter o Tratado de Libre Comercio que pretenden asinar Estados Unidos e a Unión Europea, coñecido como o TTIP, nos servizos públicos de saúde, e que está a levantar moitas controversias.
A situación do suicidio en Galicia protagonizará a quenda da tarde. Delia Guitián Rodríguez, Psicóloga clínica, achegará as cifras deste tipo de falecementos na nosa Comunidade, mentres que o xefe de servizo de Clínica Médico Forense do Instituto de Medicina Legal De Galicia (IMELGA), Benito López-de Abajo Rodríguez, ofrecerá un estudo sobre o suicidio no territorio galego. O psicólogo clínico Gonzalo Martínez Sande tentará expoñer as explicacións ao suicidio para rematar coa enfermeira especialista en saúde mental, Amparo González García, que relatará a súa experiencia no Programa de Intervención Intensiva en Conduta Suicida que se desenvolve no Complexo Hospitalario de Ourense, único destas características en Galicia. Ás 18 horas realizarase unha Asemblea do Movemento Galego da Saúde Mental.











