O Isaac Díaz Pardo impartirá cursos para desempregados e un taller de emprego que recuperará a Finca Tenreiro
O Concello de Oleiros, a través do centro municipal de formación Isaac Díaz Pardo, impartirá a partir do próximo mes de xullo tres cursos formativos nos que participarán máis de 45 persoas en situación de desemprego. Estas accións proporcionarán formación útil para desempeñar labores profesionais relacionadas coa instalación de sistemas de enerxía solar e térmica, atención a persoas dependentes e montaxe de mobiliario. A actividade comezará o próximo mes de xullo e prolongarase ata final de ano. Os veciños e veciñas interesados en participar nestes ciclos poden obter máis información no Centro Municipal de Formación Isaac Díaz Pardo situado na urbanización Os Regos.
Tamén nos próximos días comezará un taller de emprego no que os participantes acometerán traballos de recuperación e consolidación na Finca Tenreiro, unha zona de preto de 30.000 metros cadrados adquirida polo Goberno local na parroquia de Nós e que albergará un gran parque público. Neste taller remunerado, que terá unha duración de seis meses, participarán 20 persoas, 8 farano na disciplina de albanelería e 12 na de xardinería. Deste modo os alumnos e alumnas traballadores contribuirán na recuperación e posta en valor das numerosas xoias arquitectónicas e paisaxísticas que posúe este terreo.