publicidade hoxe

O II Día do Deporte de Oroso premia aos mellores embaixadores do Concello

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Día do Deporte en Oroso

Día do Deporte en Oroso

“Sodes os mellores embaixadores de Oroso”. Así se referiu o alcalde, Manuel Mirás, ás asociacións, clubs e deportistas distinguidos no II Día do Deporte, celebrado no serán deste venres no campo de fútbol de Sigüeiro. Mirás destacou o dinamismo do deporte no municipio, que fixo que “nos últimos cinco anos se multiplicase por dez o número de persoas que fan deporte e o número de clubs”, ata o punto que “temos unha das mellores canteiras de deportistas de toda Galicia”.

Mirás, que agradeceu o labor dos responsables das entidades, dos deportistas e das súas familias, e de todos os que apoian a práctica do deporte, declarouse “gratamente desbordado” e comprometeuse a manter esta materia como unha das prioridades do seu goberno. Para este mandato, lembrou que ten obxectivos a construción doutro polideportivo e dun campo de fútbol 7. E, por suposto, imos “manter as portas do Concello sempre abertas a todas as entidades deportivas”, explicou o alcalde.

O concelleiro de Deportes, Luís Rey, fixo fincapé no “enorme esforzo das familias” para que centos de nenos e mozos de Oroso practiquen deporte e obteñan numerosos éxitos. Non obstante, precisou que “o obxectivo principal non é o éxito, senón os beneficios que a práctica deportiva nos achega ás persoas porque nos dá máis saúde, máis enerxía e incluso nos serve para previr enfermidades”.

Distincións

Mirás e Rey entregaron as distincións e os premios do II Día do Deporte de Oroso acompañados dos demais integrantes do grupo do goberno local.

En primeiro lugar, recibiron distincións os responsables de todos os clubs e asociacións deportivas do municipio: club deportivo Alecrín, Club de Béisbol Leones, Oroso Fútbol Sala, Escola Deportiva Xuventude Oroso, Taekwondo ITF Oroso, Club Hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso, club ciclista Tambre Bike, Oroso Motor Sport, Club Patín Oroso, Oroso Tenis de Mesa, Club Tambre Pitch&Putt, Xadrez Oroso, Club Ximnasia Oroso, SD Deixebre e Sigüeiro FC. Acto seguido, todos os deportistas destes clubs e escolas recibiron cadansúa medalla. 

Despois, procedeuse a recoñecer a Silvia Álvarez Mosquera como Mellor Deportista do Ano. No seu nome, recolleu o premio seu pai, xa que Silvia atópase desprazada a unha competición co club Oroso Tenis de Mesa. Álvarez Mosquera comezou a adestrar aos nove anos e é na actualidade unha das xogadoras máis novas da División de Honra, na que compite co Oroso TM. Tamén é unha compoñente fixa das seleccións galega e española. Ademais, foi campioa galega e de España en varias ocasións nas categorías benxamín, alevín, infantil e cadete.

O Concello entregou ademais dous recoñecementos especiais. Un foi para a ED Xuventude Oroso, polo seu décimo aniversario e polo labor que realiza polo deporte de base no municipio. E o outro recaeu no club ciclista Tambre Bike, pola promoción do deporte e a súa colaboración en eventos deportivos municipais.

Con recoñecementos á traxectoria e dedicación ao deporte en Oroso foron concecorados: Laureano Iglesias Tato, un dos fundadores da SD Deixebre e membro directivo durante 17 anos; Luciano Dono Nouche, fundador e presidente ata 2004 da SD Oroso; e José A. Veiga Mosquera, xogador do Sigüeiro FC e da SD Ordes que na actualidade sigue competindo en triatlóns.

Recoñeceuse así mesmo o traballo de Protección Civil de Oroso e do Voluntariado de Oroso, así como o apoio ao deporte das empresas Coca-Cola, Eulogio Viñal Obras y Construcciones e Grupo Rafra.

Na entrega de premios actuaron os nenos e nenas da agrupación folclórica Lembranzas do Tambre e os grupos de baile moderno do club deportivo Alecrín. Ao remate, o club hípico Amazonas e Cabaleiros de Oroso ofreceu unha exhibición. Xa durante toda a tarde, as distintas escolas deportivas ofreceron as tradicionais exhibicións no polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro, con exercicios de ximnasia rítmica, taekwondo, patinaxe e zumba. 

20 de xuño de 2015 | 22:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.