O Igape achega ás pemes viguesas as claves de mellora da xestión financeira
O director do Igape, Javier Aguilera participou hoxe en Vigo nunha xornada técnica no ámbito do programa ReAcciona destinada a achegar ás empresas viguesas as claves para optimizar a súa xestión financeira, aproveitando os novos incentivos fiscais en aspectos como a I+D+i ou a explotación de intanxibles.
Aguilera destacou que a actualización permanente do coñecemento empresarial é fundamental para que os directivos e administradores das pemes poidan superar as dificultades asociadas á súa xestión cotiá e localizar e aproveitar, ao mesmo tempo, novas oportunidades de mellorar os seus negocios.
A xornada técnica desenvolvida esta mañá na sede do Club Financeiro de Vigo en colaboración con PwC forma parte do ciclo de xornadas que o Igape está a impulsar por toda Galicia como complemento formativo dos servizos avanzados que ofrece a través do programa ReAcciona, aberto á presentación de solicitudes polas empresas interesadas.
A xornada técnica desenvolvida hoxe contou con relatorios de expertos sobre os novos incentivos fiscais ao I+D+i e a intanxibles, así como sobre os métodos de cálculo, opcións de aplicación e posibilidades de monetización.
Con este ciclo de xornadas técnicas ReAcciona o Igape busca contribuír ao adestramento dos empresarios para que poidan optimizar a xestión das súas compañías, superar as dificultades ou e aproveitar novas oportunidades.











