O goberno vilagarcián convoca á empresa redactora para reactivar a revisión do PXOM

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

Unha das prioridades marcadas no programa electoral de Alberto Varela Paz é rematar a revisión do Plan Xeral de Ordenación Municipal, un traballo iniciado hai case 9 anos e que se mantivo paralizado durante o último mandato. En cumprimento desta promesa, nesta segunda semana ao fronte do Concello, o novo goberno xa se puxo mans a obra e xa está concertada para o vindeiro venres unha xuntanza co equipo técnico de Eptisa, a empresa contratada para levar a cabo a revisión.

Os traballos previos comezaron esta mesma semana coa reunión da concelleira de Urbanismo, Paola María, cos técnicos da área de Urbanismo a efectos de poñerse ao corrente da situación na que se encontra o anteproxecto do PXOM e analizar polo miúdo o contido do mesmo. A concelleira tamén mantivo conversas telefónicas cos responsables de Eptisa que acudirán o venres á reunión convocada no Concello para reactivar o proceso de revisión. O alcalde presidirá o encontro no que estará a concelleira de Urbanismo e os técnicos municipais por parte do Concello e os equipo técnico de Eptisa.

O novo goberno, considera imprescindible para o desenvolvemento de Vilagarcía contar cun novo planeamento urbanístico que se adapte á realidade actual da cidade baixo criterios de sustentabilidade e na que se defina un modelo de cidade humanizada, facilmente transitable, respectuosa coa contorna natural e aberta ao mar para o cal será preciso reformular a fachada marítima. O documento actualizado, unha vez aprobado, suporá un impulso para a cidade a través do urbanismo ordenado e sostible, como tamén actuará como elemento dinamizar social e económico.

26 de xuño de 2015 | 19:20 • Sen comentarios

Comentarios pechados.