O Goberno municipal de Santiago comprométese coas políticas de igualdade de xénero
Unha representación da Marcha Mundial das Mulleres foi recibida en Raxoi polo alcalde, Martiño Noriega. No acto tamén participaron as concelleiras de Igualdade, Marta Lois; de Mocidade, Noa Morales; de Políticas Sociais, Concha Fernández; e de Economía, María Rozas. Marta Lois tomou a palabra para recalcar o “valor simbólico” dos primeiros encontros que está mantendo o novo Goberno municipal con diversos colectivos sociais e culturais. Así, con esta recepción á Marcha Mundial das Mulleres, indicou que se expresaba “o compromiso coa igualdade entre homes e mulleres”.
Este encontro coa Marcha, engadiu, “simboliza o noso compromiso coa loita contra a violencia de xénero e contra a pobreza das mulleres, e coa necesidade de levar a cabo políticas de igualdade de xénero”. A concelleira mostrouse “emocionada” por acoller esta organización, que “ten grande impacto internacional, formada por un importante número de organizacións feministas e cunha coordinación galega”.











