O goberno municipal de Lalín rebaixará en máis 40.000 euros os seus gastos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLalín
A-
A+

Celebrouse este luns a primeira xunta de portavoces do mandato, preparatoria do pleno de organización. O goberno anuncia que será “flexible co PP a pesar de que as súas peticións son incoherentes co trato que eles lle deron á oposición durante anos”.

O concello de Lalín celebrou hoxe a primeira xunta de portavoces do mandato, un encontro que serviu para escenificar os termos nos que se desenvolverá o pleno do vindeiro 3 de xullo. Neste encontro os representantes do goberno municipal puxeron sobre a mesa un modelo organizativo que permitirá rebaixar os seus gastos en máis de 40 mil euros. O aforro desta cantidade destinarase a financiar políticas sociais, a gran prioridade para este mandato.

Entre as medidas de contención orzamentaria propostas polo goberno municipal nesta xunta de portavoces está tamén a eliminación do padroado cultural. Para iso vaise a proceder a unha reforma estatutaria que permita suprimir este organismo en canto sexa posible. Mentres esta medida non se faga efectiva, os seus membros quedarán sen asignación económica. A intención de goberno é substituír o padroado por un Consello da Cultura local, “de máis amplo espectro”.

Por outra banda, o alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosouse “sorprendido por determinado tipo de peticións do Partido Popular, incoherentes co tratamento que o goberno de Crespo lle deu á oposición durante 25 anos”. Con todo, o goberno accedeu a ser flexible coas súas solicitudes, nunha clara demostración da “nova forma de entender a política no concello de Lalín”.

Canto á organización da actividade municipal, o goberno propón que os plenos ordinarios se celebren os últimos xoves de cada mes ás 10.00 horas. Canto as comisións informativas, redúcense en dúas durante este mandato. Pasan das seis que había ata o de agora a tan só catro, que se desenvolverán os luns pola tarde.

29 de xuño de 2015 | 17:12 • Sen comentarios

Comentarios pechados.