O goberno local de Vilagarcía solicita á Xunta a continuidade dos comedores escolares no verán
O alcalde de Vilagarcía, Alberto Varela, se dirixiu hoxe por carta ao conselleiro de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria, Román Rodríguez, para solicitarlle que os comedores escolares do Concello poidan continuar abertos durante o verán. Varela Paz pon así en marcha un dos seus compromisos electorais. A medida non só se dirixe a garantir que ningún neno ou nena poida ter problemas de nutrición durante o verán, durante as vacacións escolares, senón tamén a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar de todos os vilagarciáns.
En consecuencia, a apertura dos centros non suporía “sinalar” a quen necesita axuda social, como argumentan os contrarios a este tipo de medidas, senón que hai que entendelo como un servizo fundamental para mellorar a calidade de vida dos veciños, moitos dos cales se atopan cun problema chegados xullo e agosto cando teñen que seguir traballando ao tempo que buscar unha solución á atención dos seus fillos.
Partindo desta premisa, o alcalde solicita da Consellería autorización para seguir utilizando os comedores ata o comezo do novo curso e para iso Varela Paz xa lle transmitiu ao conselleiro a disposición do Concello a participar economicamente no mantemento deste servizo. No caso de que a Xunta contestara negativamente, o goberno local buscará alternativas centradas, neste caso, en garantir a correcta alimentación dos máis novos, ben con cheques de alimentación, ben con menús servidos a domicilio, ben con outras fórmulas coas que lograr ese fin, unha das prioridades da acción do novo goberno.











