O goberno local da Laracha eleva ao pleno a nova ordenanza municipal do servizo de taxi
O Pleno da Corporación Municipal da Laracha reunirase este mércores nunha sesión extraordinaria á que se elevarán diversos asuntos que foron sometidos previamente ao correspondente ditame das Comisións Informativas.
Unha das cuestións máis destacadas será a referida á ordenanza municipal reguladora do servizo de taxi, unha nova normativa que se pretende entre en vigor antes de que finalice o verán e que inclúe unha serie de cuestións coas que se dará cumprimento á Lei galega de transporte público de persoas en vehículo de turismo, tales como a obrigatoriedade de instalación e uso do taxímetro e tarifas propias. A ordenanza tamén contempla un novo sistema de gardas obrigatorias para todos os titulares de licencias de taxi que garantirá a dispoñibilidade deste servizo público as vinte e catro horas do día e os trescentos sesenta e cinco días do ano.
O contido da normativa realizouse desde o diálogo ao ser consensuado polo Concello da Laracha e o sector dos taxistas, contando en todo momento co asesoramento legal dos técnicos municipais.
Ademais, o Concello da Laracha cofinanciará o cincuenta por cento do custe da instalación dos taxímetros concedendo doce subvencións nominativas de cincocentos euros cada unha (seis mil euros en total) aos titulares das licencias de taxi. Para iso será precisa a aprobación por parte do Pleno do correspondente suplemento de crédito, cuestión que tamén se elevará á sesión deste mércores.
Expediente de transferencia de crédito
Por outra parte o goberno local da Laracha proporá ao Pleno a aprobación dunha transferencia de crédito, a 03/2015, coa que reforzar en 72.000 euros a aplicación orzamentaria destinada a investimentos, melloras e mantementos na rede viaria municipal.
Subvencións nominativas ás Comisións de Festas
A base de execución número 20 do Orzamento Xeral municipal inclúe o crédito para a convocatoria, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións a entidades para a celebración de festas populares. Non obstante, e ao existir unha única Comisión de Festas por cada parroquia –e que en moitos casos varía de persoas cada ano-, o goberno local considera máis cómodo e eficaz conceder ditas axudas económicas directamente por medio de subvencións nominativas, polo que proporá ao Pleno a aprobación da modificación desas bases.
En total o Concello da Laracha destinará 25.950 euros ao apoio económico directo ás Comisións de Festas para o desenvolvemento dos seus programas en cada unha das parroquias ao longo dos próximos meses, ademais da colaboración organizativa que se lles prestará en todo momento.
Novo convenio da rede de Oficinas Integradas
Por último, votarase a adhesión do Concello da Laracha ao novo convenio marco entre a Administración Xeral do Estado e a Xunta de Galicia que ten por finalidade mellorar e dar continuidade á rede de Oficinas Integradas de atención ao cidadán no ámbito territorial de Galicia.
A principal novidade do convenio é que o rexistro do Concello admitirá escritos e comunicacións que se dirixan aos órganos da Administración das Deputacións provinciais e ás outras entidades locais adheridas.











