O goberno lalinense axiliza os trámites para adxudicar o servizo de mantemento do alumeado público
A actual empresa de mantemento leva dende abril traballando sen contrato, o que demostra “o altísimo grao de irresponsabilidade do goberno de Xosé Crespo” Un total de 11 empresas presentaron ofertas a este proceso, que se adxudicará no menor prazo posible
O alcalde de Lalín, Rafael Cuíña, amosou hoxe a súa “máxima indignación” pola situación na que deixou o anterior goberno municipal o servizo de mantemento do alumeado público no concello. A actual empresa adxudicataria leva traballando sen contrato dende o pasado mes de abril, o que provocou numerosos problemas na xestión dun servizo imprescindible para a veciñanza do municipio. Algúns deles, como os da parroquia de Noceda, chegaron a estar 10 días sen alumeado público, unha situación “intolerable en pleno século XXI e que o actual goberno non vai permitir que se repita de ningunha maneira”.
Con ese obxectivo, o alcalde de Lalín deu instruccións precisas para que se axilicen os trámites necesarios para adxudicar canto antes este servizo. Esta mesma mañá tivo lugar no concello a mesa de contratación na que se abriron os sobres coa documentación administrativa requirida e mañá abriranse os sobre coa documentación técnica.
Son un total de 11 empresas as que presentan ofertas a este proceso, que o goberno municipal pretende ter pechado no prazo de tempo máis breve, a ser posible esta mesma semana. Desta maneira vaise dar solución inmediata á innumerable cantidade de queixas que están chegando ao concello pola prestación no servizo e que están derivadas da absoluta desidia do anterior goberno.
O alcalde, Rafael Cuíña, cualificou hoxe esta situación de “inadmisible” e lamentou o “altísimo grao de irresponsabilidade de Xosé Crespo nun tema tan importante para o benestar dos veciños e veciñas do municipio”. Ao mesmo tempo, insiste en que “esta situación demostra as declaracións reiteradas por min en campaña electoral sobre o anbandono no que se atopaba o rural do noso concello”.











