publicidade hoxe
Publicidade
omeulibro1

O GAC 4 Fisterra-Porto do Son leva executados na comarca un total de 57 proxectos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaFisterraPorto do Son
A-
A+

Unha trintena de emprendedores de municipios da Ría de Muros e Noia participou nunha presentación dos resultados do Grupo de Acción Costeira 4 (Fisterra-Porto do Son), realizada esta mañá en Noia. Un acto que estivo presidido pola directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Xunta de Galicia, Susana Rodríguez, quen salientou que a finais do 2015 os Grupos de Acción Costeira alcanzarán unha execución do 80%, o que se traduce na creación anual duns 250 empregos, especialmente entre as mulleres.

Así mesmo, Rodríguez salientou a importancia do asesoramento recibido polos emprendedores que promoveron os distintos proxectos, que no caso do GAC 4 Fisterra-Porto do Son foron 57: 33 produtivos e 24 non produtivos. Manuela Oviedo, xerente do GAC 4 Fisterra-Porto do Son, explicou que nestes momento está executado o 88% do orzamento do programa e salientou que na actualidade se está a traballar con tres confrarías de pescadores. Finalmente, Javier Germade, consultor de EOSA, explicou que o 48% dos proxectos entrevistados na área de influencia do GAC 4 correspóndense con establecementos hoteleiros e o 29% pertencen ao sector hostaleiro. Nos 28 proxectos entrevistados para o traballo de avaliación investíronse máis de 9,7 millóns de euros, que permitiron a xeración dun total de 107 empregos directos.

Experiencias

A presentación contou coas experiencias de catro emprendedores da contorna, que explicaron como afrontaron o desafío de emprenderen o seu negocio e como conseguiron sacalo adiante. Así, Ángel Rivas, do hotel Mar da Ardora, explicou que tras realizar un estudo de mercado decidiron crear un negocio orientado a un cliente de renda alta e que, durante tres anos, foron o hotel número 1 de toda Galicia en Tripadvisor. Ademais, apuntou que un de cada tres visitantes da Costa da Morte son estranxeiros, sobre todo americanos, australianos, neozelandeses e alemáns. 

Pola súa banda, de Peixería Mar Viva, explicou que o seu negocio se basea na calidade, o que fai que cheguen a el visitantes de calquera punto de España e mesmo do estranxeiro, con reserva previa. Isto é así pola innovación do seu negocio, que combina a posibilidade de mercar o pescado coa experiencia de que cho cociñen ao instante.

Finalmente, Katherina Hauser, da casa de vacacións Os Roxos, indicou que é preciso ser flexible e buscar o teu mercado para ter unha maior ocupación durante a temporada baixa. Unha flexibilidade que se amosa na oferta de servizos como aluguer de bicicletas ou material de surf para o cliente.

Os Grupos de Acción Costeira conforman un programa europeo levado a cabo pola Consellería do Medio Rural e do Mar da Xunta de Galicia. A súa finalidade é a implementación dunha estratexia de abaixo cara arriba para o desenvolvemento do eixe 4 do Fondo Europeo de Pesca sobre desenvolvemento sustentable das zonas de pesca. Este programa pretende subvencionar a iniciativa de proxectos, xa sexan produtivos ou non produtivos, orientados a fomentar e impulsar a diversificación económica destas zonas de pesca principalmente a través de actividades turísticas, á promoción económica a través da comercialización, á mellora do medio ambiente da zona de pesca e ao impulso da cohesión social do territorio.

Próxima presentación, en Cee 

A próxima presentación terá lugar este xoves 25 de xuño, de 18:00 a 20:30 horas, no salón de plenos do Concello de Cee (rúa Domingo Antonio de Andrade). A participación tamén é de balde e só é preciso anotarse previamente no teléfono 986 419 922 (extensión 2032) ou a través do mail: comunicacion@eosa.com.

23 de xuño de 2015 | 19:30 • Sen comentarios

Comentarios pechados.