publicidade hoxe

O FIOT outorgará á actriz Susana Dans o Xograr de Outono 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+

O Festival Internacional Outono de Teatro (FIOT) outorgará na XXIV edición o Xograr de Outono 2015 a Susana Dans, actriz coruñesa cunha importante traxectoria na escena galega e no mundo audiovisual en Galicia. A entrega do galardón terá lugar ao longo da XXIV edición do festival no mes de outubro. Nunha reunión celebrada no mes de maio cos anteriores galardoados co Xograr de Outono decidiron conceder o premio a Susana Dans, pola súa magnífica traxectoria profesional sendo unha das actrices galegas, que a pesar da súa xuventude escénica, destaca polas súas grandes interpretacións nas máis importantes compañías galegas, por ter unha equilibrada e constante experiencia na escena galega e por ter un dos currículums artísticos máis completos das actrices en Galicia.

Cabe destacar tamén que Susana Dans ten participado coa súa presenza en moitos espectáculos en Carballo tanto no Festival Internacional Outono de Teatro como en outras programacións culturais do concello ao longo da súa traxectoria artística. TRAXECTORIA ARTÍSTICA Susana Dans (A Coruña, 1965) comezou a súa andadura profesional nos anos 80 da man de Manuel Lourenzo, e a partir de ahí foi dirixida por figuras moi importantes da escena galega como Roberto Vidal Bolaño, Quico Cadaval, Xan Cejudo, Xúlio Lago, Cándido Pazó, Eduardo Alonso, Ánxeles Cuña, Vicente Montoto, Marcelino de Santiago “Kukas”, entre outros.

Como actriz de teatro destaca pola súa longa e exitosa participación en importantes espectáculos en recoñecidas compañías como en As do peixe (2014) dirixida por Cándido Pazó en Abrapalabra Creacións Escénicas, E.R. (Algún día traballemos xuntas)(2011) e O Cerco de Leningrado (1999) de Teatro Atlántico, As dunas (2009), Noite de reis (2007-2009), A Piragua (2007), O ano do cometa (2004), Rosalía (2001), A burla do galo (2000) ou Nau de amores (1995), do Centro Dramático Galego, O Club da calceta (2008) de Teatro do Morcego, con Teatro do Aquí representou O Cabodano (2002) e Saxo Tenor (1993), A casca dunha árbore en Kukas Producións (1992), Fedra Gómez (1989) de Uvega Teatro, Aquela historia de Bly (1987) da Compañía Luís Seoane,…

Tamén ten unha importante experiencia tanto en cine como en televisión. Participou en series de televisión de grande éxito en Galicia, como en Os outros feirantes (1990), Pratos combinados (2000), A vida por diante (2007) ou Hospital Real (2015). No cine traballou nas longametraxes Divinas palabras (1987) de José Luís García Sánchez, Martes de carnaval (1991) de Fernando Bauluz e Pedro Carvajal e Blanca Madison (1998) de Carlos Amil, así como na curtametraxe Cabeza de boi (1996). PREMIOS Entre outros premios teatrais, foi recoñecida nos premios María Casares como mellor actriz protagonista en A Piragua (2008) co Centro Dramático Galego e O cerco de Leningrado (2000) de Teatro do Atlántico, e como mellor actriz secundaria en O ano do cometa (2005) e Rosalía (2002) co Centro Dramático Galego. Ademais foi galardoada co Premio Mestre Mateo 2011 á mellor interpretación feminina protagonista por Emilia Pardo Bazán, A Condesa Rebelde, e co Premio de Interpretación Teatral Maruxa Villanueva en 2003 polo seu traballo na montaxe Rosalía, ou Mulleres.

5 de xuño de 2015 | 13:57 • Sen comentarios

Comentarios pechados.