O enxeñeiro de camiños ratifica que aínda que a sinalización era mellorable estaba dentro da norma

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLocal PortadaSantiago de Compostela
A-
A+
Europa Press

O enxeñeiro de camiños Juan Carlos Carballeira, segundo perito chamado a declarar en sede xudicial no caso do descarrilamento do tren Alvia en Angrois en xullo de 2013, asegurou que a súa comparecencia consistiu nunha “mera ratificación” do seu informe, no que determina que o exceso de velocidade foi a causa do accidente, pero destaca que a sinalización na liña era “mellorable”, aínda que estaba “dentro da norma”.

Preguntado por este extremo polos xornalistas á saída dos xulgados de Santiago, que abandonou sobre as 14,00 horas, tres horas despois de entrar, Carballeira indicou que “en principio o exceso de velocidade” é a tese da súa peritaxe, na que se ratificou ante as partes comparecidas na causa, as representacións legais da cal lle fixeron preguntas ao seu xuízo “sinxelas”.

Pola súa banda, o xuíz instrutor, Andrés Lago Louro, segundo fontes presentes na sala, non trasladou cuestións nin a este experto nin ao anterior citado a declarar, o enxeñeiro industrial José Manuel Lamela, a quen, como a Carballeira, si fixo varias preguntas o fiscal, Antonio Roma.

Unha vez ante os medios de comunicación, o enxeñeiro de camiños sinalou que “a norma non permitía moitos cambios” en canto á sinalización “mellorable”, como recolleu no seu informe definitivo.

“Sería complexo melloralo”, limitouse a comentar, antes de constatar que sobre o cambio de proxecto inicial da liña Ourense-Santiago, que implicou a retirada do sistema de control de velocidades ‘ERTMS’ ao final do traxecto, podería falar “unha hora”.

PASÓUSELLE “VOANDO”

Á marxe disto, este enxeñeiro apuntou sobre a súa presenza na sala que se lle pasou “o tempo voando” e lle pareceu “un minuto”, atendendo preguntas “moi sinxelas” sobre “cousas técnicas”, posto que esperaba cuestións “máis complicadas”.

O terceiro en comparecer -o outro perito xudicial, xa que hai outros tres pero son de parte do maquinista, de Adif e da aseguradora de Renfe- é o enxeñeiro de telecomunicacións, César Mariñas Dávila, en quen as vítimas centran as súas expectativas, xa que o seu informe é crítico coa mingua de seguridade que se xerou na vía, sen medidas complementarias para emendala.

10 de xuño de 2015 | 16:13 • Sen comentarios

Comentarios pechados.